Outeiro de Rei aproba unha proposta para mellorar o servizo de pediatría no municipio
O Concello de Outeiro de Rei celebrou o último pleno ordinario do ano 2024, no que se trataron diversas cuestións de interese para o municipio. A sesión, que tivo lugar na casa consistorial, contou con cinco puntos na orde do día e destacou temas de relevancia como a mellora do servizo de pediatría no Centro de Saúde do Concello.
O pleno comezou coa aprobación por unanimidade da acta da sesión anterior e coa dación de conta dun decreto sobre a modificación de delegacións de Alcaldía.
O BNG presentou unha moción relativa aos asuntos a incluír nos vindeiros orzamentos municipais, que foi rexeitada con 4 votos a favor e 9 en contra.
Ademais, tratouse o expediente 1336/2024 sobre o inventario ou catálogo de bens do concello, que foi aprobado con 10 votos a favor e 3 abstencións. Este paso é considerado fundamental para mellorar a xestión patrimonial do municipio.
Pero o punto central do pleno foi a moción presentada polo PSOE sobre a ausencia de pediatra no municipio, que instaba ao equipo de Goberno a reclamar ao Sergas unha solución definitiva para esta situación. A proposta socialista, en si, "non foi aprobada", segundo explican desde o Goberno local, pero o Partido Popular propuxo unha enmenda de substitución, consistente en manter dúas xornadas semanais de atención pediátrica ata superar a actual baixa de longa duración, e posteriormente aumentar o servizo a tres días por semana. Esta emenda foi aprobada por unanimidade e será trasladada á Consellería de Sanidade, ao Sergas e á Xunta de Galicia.
REACCIÓN SOCIALISTA
O Grupo Municipal Socialista de Outeiro de Rei cualificou como "un paso decisivo a aprobación por unanimidade dunha moción para demandar unha atención pediátrica adecuada no Centro de Saúde local".
A iniciativa, presentada polos socialistas e defendida pola súa voceira, Carmen Acacio, puxo o foco na "crítica situación sanitaria que padecen as familias do municipio pola falta dun pediatra fixo e estable".
Na súa exposición de motivos, Acacio explicou que a atención pediátrica en Outeiro de Rei leva anos marcada por unha "evidente falta de recursos".
Segundo denunciou, máis de 500 nenos e nenas do Concello teñen acceso como máximo a unha consulta semanal, xa que o pediatra asignado tamén atende en Cospeito e Castro de Rei, acumulando máis de 1.600 pacientes entre os tres municipios.
A situación agravouse recentemente coa baixa médica de longa duración do único pediatra dispoñible, que non foi substituído por outro especialista. "Esta carencia está obrigando as familias a recorrer a médicos de atención primaria, xa saturados, ou mesmo ás urxencias hospitalarias, cun impacto negativo tanto na saúde das crianzas como na conciliación familiar", explican.
E agradecen e valoran "a implicación das familias e queremos expresarlles o noso apoio incondicional. Desde o Grupo Socialista non só nos solidarizamos con elas, senón que seguiremos traballando para que a súa voz sexa escoitada”, asegurou Acacio.
O Grupo Socialista de Outeiro de Rei comprometeuse a facer seguimento das medidas que se adopten tras a aprobación da moción, asegurando que continuará loitando pola defensa da sanidade pública e o benestar das familias.
“Seguiremos insistindo e reivindicando ata que se resolva este problema, porque a saúde das nosas crianzas non pode esperar”, concluíu Carmen Acacio.