Outeiro de Rei celebra a II Feira do Libro con máis autores, librarías e actividades culturais

LugoXa | TerraChaXa
O evento, que terá lugar o 17 de abril, amplía horarios e programación con contacontos, obradoiros e un peche a cargo do mago David
Presentación-Feira-do-Libro-Outeiro-de-Rei-2026
10 Apr 2026

O Concello de Outeiro de Rei acolleu a presentación da II Feira do Libro, unha iniciativa organizada conxuntamente co CEIP CEIP Laverde Ruiz, a través do seu departamento de biblioteca, e que se celebrará o vindeiro 17 de abril.

A feira desenvolverase nun horario ampliado, de 10.00 a 14.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas, co obxectivo de ofrecer unha programación máis completa e accesible para todos os públicos. Nesta segunda edición, a organización aposta por reforzar a presenza de autores, ata un total de 14 escritores e escritoras, entre os que figuran nomes como Ana Meilán, Antía Yáñez, Francisco Narla, Marta Villar, María Nieto, Estefanía Padullés e Sonia Arias, entre outros.

Tamén medra a participación das librarías, que serán cinco establecementos, dous máis ca na edición anterior, consolidando así a feira como un punto de encontro entre o sector editorial e a cidadanía.

O programa incluirá novamente actividades para todos os públicos relacionadas coa lectura, como contacontos a cargo de Estefanía Padullés e obradoiros de cómic e escritura creativa, co obxectivo de fomentar o hábito lector e a participación activa.

Durante a mañá, a programación estará especialmente dirixida ao alumnado do CEIP Laverde Ruiz, que visitará os diferentes postos e poderá coñecer a exposición de libros xigantes elaborados pola comunidade educativa. Xa pola tarde, celebrarase un sorteo organizado polo Concello, mentres que o peche da xornada correrá a cargo do mago David, que regresará para poñer o broche final á feira.

A II Feira do Libro de Outeiro de Rei busca así consolidarse como unha cita cultural de referencia no municipio, combinando literatura, participación escolar e actividades de lecer para todas as idades.

0.13118195533752