Outeiro de Rei celebra este sábado a Festa da Xuventude

Outeiro de Rei prepárase para vivir unha xornada inesquecible o vindeiro sábado 10 de maio coa celebración da Festa da Xuventude, un evento que promete reunir a veciños e visitantes nun ambiente festivo, cargado de música, gastronomía e actividades para todas as idades.
A xornada arrincará ás 13:30 horas coa sesión vermú a cargo de La Hora Bruja, para dar paso á comida campestre ás 15:15 horas na rúa Barrio Soborvila (rúa centro médico).
O menú estará composto por empanada, lacón, churrasco e sobremesa e como bebida, viño, refrescos e auga. O menú contará cun prezo de 25 euros por persoa e 15 euros para nenos de 6 a 12 anos; os menores de 6 anos poderán gozar da comida de forma gratuíta. Os tíckets poderán recollerse no Bar O Pozo (Outeiro de Rei) ata o 7 de maio.
A tarde estará amenizada coas actuacións musicais de DJ Francis e Louband, quentando motores para a gran verbena nocturna que contará coa recoñecida orquestra París de Noia, acompañada novamente por DJ Francis. Ademais, a organización previu a instalación dunha carpa para garantir a diversión sen importar o tempo.
O evento conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Carnéxove, Abanca e o Concello de Outeiro de Rei. A Festa da Xuventude de Outeiro de Rei consolídase así como unha cita clave no calendario festivo da comarca, apostando pola música en directo, a gastronomía galega e o espírito de convivencia.