Outeiro de Rei celebra unha xornada sobre compostaxe e izará a bandeira verde

TerraChaXa | LugoXa
O próximo martes día 8 de novembro ás 13:00 h terá lugar o acto oficial de izado da bandeira verde dentro dunha xornada sobre compostaxe.
bandeira verde paisaxe
6 Nov 2022

O próximo martes día 8 de novembro en horario de 10:00 a 14.00 horas instalarase nas inmediacións do Concello de Outeiro de Rei unha carpa ao obxecto de dar información sobre compostaxe doméstica e promover o uso de prácticas de compostaxe dentro dos nosos hábitos de vida.

A campaña de compostaxe doméstica promovida polo Concello de Outeiro de Rei está destinada a aquelas persoas que residan nalgunha vivenda unifamiliar do municipio e dispoñan de xardín e/ou horta. A principal característica deste tipo de compostaxe é que se realiza a pequena escala, empregando compostadores de uso individual que se colocan na horta ou xardín de cada casa o que permite xestionar os residuos orgánicos xerados sen necesidade de desprazarse, ademais de obter compost propio dunha forma sinxela e limpa.

A instalación desta carpa será o punto de partida para o reparto gratuíto de 50 composteiros individuais; xunto ao composteiro farase entrega dun aireador de compostaxe, un cubo pequeno previsto para a recollida in situ dos residuos órganicos e un tríptico informativo. As persoas que desexen un composteiro o poden solicitar ese día na carpa instalada e posteriormente, ata esgotar existencias, e en todo caso antes do 20/12/2022, nas oficinas municipais do Concello de Outeiro de Rei. Os composteiros, un total de 50, serán repartidos por orde de solicitude e levados á vivenda por persoal técnico que tamén prestará asesoramento individualizado sobre o seu funcionamento.

Ese mesmo día, ás 12:30 h no Salón de Plenos do Concello de terá lugar unha xornada formativa sobre compostaxe doméstica.

Esta campaña está financiada con fondos europeos Next GenerationEU da Unión Europea, a través da Xunta de Galicia e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España e polo propio Concello de Outeiro de Rei.

IZADO DA BANDEIRA VERDE

Tamén o martes, ás 13:00 horas, terá lugar o acto oficial de izado da bandeira verde ao carón da Casa Consistorial de Outeiro de Rei. Este distintivo foi outorgado recentemente pola Consellería de Medio Ambiente  ao Concello de Outeiro de Rei por segundo ano consecutivo, un distintivo que ten por obxecto ensalzar as boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe.

Así mesmo, está prevista a inauguración da exposición itinerante As Paisaxes da auga, que ten por obxecto promocionar espazos naturais dos concellos de Castro de Rei e Outeiro de Rei, proxecto subvencionado a través do Fondo de Compensación Ambiental.

0.15943503379822