O Concello de Outeiro de Rei acolleu un obradoiro sobre o manexo do estrés e da ansiedade no marco do 25N

O Concello de Outeiro de Rei desenvolveu este martes 25 de novembro unha xornada formativa dedicada ao manexo do estrés e da ansiedade, dentro do programa de actividades organizadas para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. O obradoiro, de carácter gratuíto, tivo lugar no salón de actos da Casa da Cultura entre as 16:30 e as 20:30 horas e contou cun numeroso grupo de asistentes.
A sesión foi impartida por Jenifer Souto Pérez, enfermeira, educadora e psicóloga da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, quen achegou ao público diferentes ferramentas para xestionar emocións e afrontar situacións de tensión, cambio ou dificultade persoal. Durante a tarde abordáronse os conceptos de estrés e ansiedade, os seus síntomas máis habituais, as causas que os provocan e os principais factores que inflúen na súa aparición.
As persoas participantes tiveron ocasión de coñecer estratexias prácticas para reducir a tensión e favorecer a relaxación, así como recomendacións para incorporar unha xestión emocional máis equilibrada na vida diaria. O Concello valorou moi positivamente a acollida da actividade, que se enmarca no seu compromiso coa promoción da saúde emocional e co apoio ás persoas en situacións vulnerables.