Outeiro de Rei conmemora o 8M coa presentación do vídeo '8M-8 Mulleres Emprendedoras no Rural'

LugoXa | TerraChaXa
O vídeo pon en valor a traxectoria de oito mulleres do concello que destacan por iniciativas innovadoras e de éxito nos seus sectores
presentacion-video-outeiro-de-rei
9 Mar 2026

O Concello de Outeiro de Rei celebrou o Día Internacional da Muller cun acto especial o domingo 8 de marzo ás 17:00 horas na Casa da Cultura do municipio, no que se presentou o vídeo 8M-8 Mulleres Emprendedoras no Rural. Tras a proxección, desenvolveuse unha charla-coloquio aberta ao público para reflexionar sobre o papel das mulleres no emprendemento rural.

O vídeo pon en valor a traxectoria de oito mulleres do concello que destacan por iniciativas innovadoras e de éxito nos seus sectores. Entre elas están Marta Méndez García, veterinaria e fundadora da residencia canina Garatuxa en Matela; Marta Alameda López, que continúa e moderniza a empresa familiar Mudanzas Alameda en Guillar; Gloria Trigo Mayor, arquitecta e promotora do Hotel Casas da Fortaleza en Outeiro de Rei; Cristina Suárez de Miguel e Estefanía Arias Cedrón, que desenvolveron un proxecto de cosmética natural no Viveiro Empresarial; e María Álvarez García, que recentemente iniciou unha explotación de porco celta en Cela tras unha carreira en informática na empresa familiar Mastinta.

Ademais, Marta Carballo Álvarez transformou a gandería familiar nunha explotación ecolóxica de raza cachena en Robra, Yunisley Consuegra Herrera inaugurou o Habana-Café na vila de Outeiro de Rei tras anos no sector da hostalería, e Rebeca Fernández Vázquez prepara un proxecto innovador en Vilela cun parque temático sobre dinosaurios.

O acto subliña o compromiso do Concello coa visibilidade do emprendemento feminino e a importancia de apoiar a iniciativa e a innovación das mulleres no medio rural.

0.1175479888916