Outeiro de Rei contará este sábado cunha obra de teatro do grupo Bandullo Azul

O Concello de Outeiro de Rei, dentro do programa FalaRedes da Xunta de Galicia, ten previsto para este sábado, día 20 de decembro ás 11:30 h no salón de actos da Casa da Cultura, a actuación do grupo Bandullo Azul coa obra de teatro Vicki e a felicidade.
A obra trata sobre Vicki, un neno a quen lle encanta bailar e cantar, vive nunha aldea onde as persoas están sempre de mal humor.
Un día, despois dunha conversa coa súa avoa, emprende unha viaxe na procura do segredo da felicidade, coa idea de devolverlle a alegría á xente da aldea.
Vicki e a felicidade é a viaxe iniciática dun neno que está descubrindo o mundo e as emocións que nel habitan. Unha viaxe chea de humor, maxia e música onde a importancia da empatía, da igualdade e dos coidados está no centro da historia, xa que, xustamente todo isto, é o que consegue mellorar as nosas vidas e a das persoas que nos rodean.
Unha fermosa historia que trata sobre o bo trato e o respecto, dirixida a un público infantil e familiar que durante 50 minutos poderán gozar dun fermoso espectáculo.
Entrada de balde ata completar aforo.