O XXIX Rallye San Froilán que pasa por Outeiro de Rei e Pol prepara a súa seguridade

Pol
TerraChaXa
A Subdelegación do Goberno acollía este venres unha reunión técnica en materia de seguridade previa á celebración da 39ª edición do Rallye San Froilán, que se desenvolverá os vindeiros días 27, 28 e 29 deste mes de outubro e que discorrerá polos concellos de Outeiro de Rei, Sarria, Láncara, O Páramo e Pol, con parque pechado no Polígono Industrial de As Gándaras.
Reunión da xunta de seguridade do XXIX Rallye San Froilán.
20 Out 2017

A Subdelegación do Goberno acollía este venres unha reunión técnica en materia de seguridade previa á celebración da 39ª edición do Rallye San Froilán, que se desenvolverá os vindeiros días 27, 28 e 29 deste mes de outubro e que discorrerá polos concellos de Outeiro de Rei, Sarria, Láncara, O Páramo e Pol, con parque pechado no Polígono Industrial de As Gándaras.

Na xuntanza informouse á Escudería Miño –organizadora da competición- das súas responsabilidades na posta a punto para a celebración do rallye. Lembrouse, neste sentido, que é a escudería a responsable de deseñar e velar polo cumprimento dun plan de seguridade que perfile os medios sanitarios dispoñibles, o itinerario de evacuación para cada tramo e os lugares prohibidos aos espectadores, entre outros aspectos. No encontro desta mañá analizáronse tamén as medidas especiais de regulación e ordenación de tráfico que deben establecerse nos concellos polos que discorre a proba, co fin de minimizar as afectacións de estradas e de habilitar desvíos alternativos.

Para garantir o cumprimento das normas, e con elo a seguridade tanto dos participantes na proba deportiva como dos espectadores e condutores que se despracen pola zona, a organización mobilizará a numeroso persoal técnico, que contará co apoio dos distintos corpos de seguridade e de Protección Civil. Así, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado despregarán un amplo dispositivo. Máis dunha trintena de axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil auxiliarán aos organizadores do rallye para garantir a seguridade e a mobilidade da circulación nas vías de enlace entre os tramos do percorrido da proba deportiva, ademais de efectuar os cortes e aperturas á circulación nos puntos iniciais e finais de tramos ou informar aos condutores de itinerarios alternativos, entre outras cuestións.

A Comandancia da Garda Civil despregará, de igual xeito, un grupo de efectivos da especialidade de Seguridade Cidadá, que se reforzará segundo as necesidades que poidan ir xurdindo, co obxecto de previr a comisión de posibles feitos delictivos e controlar a orde pública.

Características da proba
A trixésimo novena edición do Rallye San Froilán celebraráse os vindeiros días 27, 28 e 29 deste mes coas verificacións e a competición propiamente dita, respectivamente. O día 29 terá lugar a entrega de trofeos.

A proba consta dun percorrido total de 413,675 quilómetros, dos que 94 corresponden a 8 treitos cronometrados por estradas asfaltadas e pechadas ao tráfico, e é puntuable para o Campionato Galego de Rallyes sobre asfalto, entre outras competicións.

Recomendacións aos espectadores
Na xuntanza que se celebrou na Subdelegación do Goberno insistiuse na necesidade de lembrar aos afeccionados a importancia de situarse lonxe da posible traxectoria dunha saída de vía dos participantes e non situarse diante de lugares sólidos como muros de pedra, valados, coches, árbores ou colectores.

Recoméndase ademais aos asistentes que conduzan con prudencia nos desprazamentos dun tramo a outro, que deixen libres as escapatorias, que eviten estacionar dentro dos tramos cronometrados e que non camiñen polas cunetas nin cruces de calzada durante o desenvolvemento da proba, senón que deben utilizar camiños paralelos ou agardar ao remate da mesma.

Asistentes
Á reunión asistían o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo; o director de carreira da Escudería Miño, José Luis Lorenzo; o teniente-coronel, xefe de operacións da Comandancia da Garda Civil en Lugo, Carlos Freire Veiga; o tenente xefe do destacamento de Tráfico de Lugo, Diego Orviz Incera; a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero; o xefe da Brigada de Seguridade Cidadá da Policía Nacional, José Francisco Ares; o xefe territorial da Delegación de Presidencia da Xunta, José Manuel Rozas; o inspector do gabinete de tráfico da Policía Local de Lugo, Manuel Vázquez Sanjurjo, entre outros. Asistiron tamén os alcaldes de Outeiro de Rei, José Pardo; o de Láncara, Darío Piñeiro López e a alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez.

0.074622869491577