Outeiro de Rei impulsa a II Feira do Libro cun programa ampliado e máis participación

LugoXa | TerraChaXa
O evento contará con máis autores, cinco librarías e actividades durante toda a xornada tras o éxito da primeira edición
Feira-do-Libro-Outeiro-de-Rei-participantes
21 Mar 2026

O Concello de Outeiro de Rei e o CEIP Laverde Ruiz organizan a segunda edición da Feira do Libro, que terá lugar o vindeiro 17 de abril, unha iniciativa que regresa tras a boa acollida acadada o pasado ano, cando reuniu a dez escritores e escritoras que participaron en sinaturas de exemplares da man de tres librarías presentes durante toda a xornada.

Na primeira edición, a actividade desenvolveuse cunha ampla participación, especialmente durante a mañá, cando o alumnado do centro educativo asistiu ás propostas programadas, entre as que destacaron sesións de contacontos e a actuación do mago David. Pola tarde, a feira abriu ao público xeral, con actividades dirixidas a todas as idades e cun peche musical protagonizado pola Escola de Música de Outeiro de Rei.

Para este ano, a organización aposta por ampliar a proposta cun horario de 10.00 a 14.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas. A feira contará cun maior número de escritores, aínda que polo momento non se fixeron públicos os seus nomes, e incrementará tamén a presenza de librarías, que serán cinco nesta ocasión.

O programa incluirá novamente contacontos e obradoiros, ademais doutras actividades pensadas para dinamizar a xornada e atraer público de todas as idades. Pola tarde celebrarase un sorteo organizado polo Concello, mentres que o peche do evento correrá a cargo do mago David, que regresará para poñer o broche final á feira.

cartel-II-Feira-do-Libro-Outeiro-de-Rei
0.14124584197998