Outeiro de Rei organiza unha andaina solidaria contra o cancro o domingo 22 de xuño

O Concello de Outeiro de Rei prepara para o domingo 22 de xuño unha andaina solidaria contra o cancro, unha iniciativa aberta á participación de toda a veciñanza co obxectivo de concienciar sobre a importancia do exercicio físico na prevención do cancro e na mellora da saúde.
A xornada comezará ás 10:30 horas coa recollida de camisetas. Ás 11:00 terá lugar un taller sobre a doazón de medula e, media hora máis tarde, ás 11:30 horas, iniciarase a andaina cun percorrido circular de 7 quilómetros e dificultade baixa. A saída será dende a Praza do Concello e, no caso de mal tempo, trasladarase ao Pavillón Municipal.
Á chegada, prevista para as 12:45 horas, os participantes serán agasallados cun ágape e poderán gozar da actuación da Banda Infantil da Escola Municipal de Música. Ademais, haberá unha food truck de froitos do mar, cortador de xamón e embutidos de Porco Celta, así como a presenza das tradicionais filloeiras de Muimenta.
O importe recadado coa venda das camisetas destinarase integramente á Asociación Española Contra o Cancro en Lugo. As inscricións poden realizarse ata o mércores 19 de xuño na Casa da Cultura de Outeiro de Rei ou chamando ao 982 393 408 en horario de 10:00 a 14:30 horas.
Desde o Concello animan a toda a cidadanía a participar nesta cita solidaria e deportiva.