Outeiro de Rei prepara a súa XIV Feira de Artesanía

TerraChaXa | LugoXa
O Concello de Outeiro de Rei presentou esta mañá a que será xa a súa XIV edición da Feira de Artesanía, que terá lugar o sábado 2 de xullo.
cartaz feira artesanai outeiro de rei3
14 Jun 2022

O Concello de Outeiro de Rei presentou esta mañá a que será xa a súa XIV edición da Feira de Artesanía de Outeiro de Rei, que terá lugar o sábado 2 de xullo.

Un ano máis, as tradicionais seccións de artesanía e de produtos de alimentación buscarán ofertar ao público unha ampla mostra de artigos únicos de calidade de diferentes especialidades porque ao igual que nas edicións pasadas, o Concello de Outeiro de Rei tratará de dar cabida á maior variedade posible de oficios e de produtos artesanais.

Con esta feira de artesanía  pretendese impulsar e dar a coñecer o traballo do sector artesanal permitindo paralelamente promocionar a artesanía local e a dinamización económica e turística do municipio.

Ao cargo da presentación desta cita festiva estiveron o alcalde, José Pardo Lombao e a técnica de emprego e desenvolvemento da entidade.

A Feira de Artesanía de Outeiro de Rei terá lugar o sábado durante toda a xornada, con horario de peche ás 21:00 horas e de apertura ás 12.00 horas aínda que haberá unha actividades previa.

Polo de pronto está prevista a participación de preto de 100 postos, que na actualidade teñen confirmada asistencia, 65 de artesanía e 17 de alimentación.

Na sección de artesanía  poranse á venda produtos de cerámica, cestería, artesanía da madeira, gancho e calceta, xoiaría, coiro, instrumentos de música tradicional,  traxes rexionais, ferro, artesanía téxtil e complementos de moda, decoración, xogos de enxeño, cosmética natural e xabóns naturais, bixutería, esmaltes, cantaría, macramé, bolillos, manualidades, antigüidades, etc. Paralelamente, na sección de alimentación ofertaranse mel, produtos de panadería entre os que se atopa a fatiña de castaña,  embutidos, queixos, chocolates, doces, viños e licores,…

De feito, dentro da sección de alimentación participan dúas empresas que están a desenvolver a súa actividade no viveiro industrial do Concello de Outeiro de Rei.

O PROGRAMA

O programa da feira iniciase coa I Andaina solidaria do Concello de Outeiro de Rei, organizada pola asociación Somos unidos por el cáncer. Está prevista a saída da praza do Concello ás 10:30 horas cun percorrido de 4,5 km cunha dificultade baixa. A recadación irá destinada integramente a esta asociación para os seus fins sociais. As persoas interesadas en participar poderán realizar as súas inscricións a través da plataforma bizum, teñen un custe de 3 euros e haberá que deixar constancia do ingreso no tfno. 636 511 928 achegando nome e apelidos, xustificante do ingreso xunto ao concepto: carreira outeiro.

Ao longo da xornada haberá demostracións en vivo de oficios tradicionais: as olarías de tradición de Sober e Buño  estarán presentes e varios artesáns máis representando diferentes oficios (cestería, ferreiría, tallado en madeira, …). Tamén haberá unha representación da asociación Bolboretas Fiandeiras que realizarán fiado  de lá  e membros da asociación Corazóns Artesáns con exhibición de macramé, bolillos… moitos postos da feira contribuirán tamén á vistosidade da mesma facendo demostración dalgún dos traballos que realizan a cotío na elaboración das pezas que despois venden nestes mercados.

A partir das 12:00 horas, están previstos varios obradoiros dirixidos aos máis pequenos concretamente a un público infantil con idades comprendidas entre os 5 e os  12 anos. Haberá polo tanto modelado de barro, e maquillaxe  nas rúas Manuel María e D. O campo de Santa Isabel será o espazo que acolla obradoiros de símbolos celtas e pulseiras, ademais dunha xinkaca de xogos cooperativos e tradicionais.

A partir das 12:00 h no campo de Santa Isabel, nas inmediacións do circuíto deportivo, está previsto o inicio do II Campionato de escultores con motoserra de Outeiro de Rei. As persoas participantes na proba traballarán  sobre troncos  de madeira que se converterán ben seguro en esculturas  cun nexo común xa que a temática das obras deberá estar relacionada con algún oficio artesanal. As persoas que desexen participar poderán inscribirse do  17 ao 23 de xuño, as solicitudes serán atendidas por orde de entrada no rexistro, admitíndose un máximo de 7 participantes. O  resultado da competición resolverase ás 18:45 h no lugar da proba. Pódense consultar as bases deste campionato  na sede electrónica municipal ou ao pinchar no banner da feira existente na web municipal.

Para ese día están previstas tamén varias actuacións. Así ás 12:00 h o grupo de música tradicional os Xílgaros de Lugo estarán na inauguración da feira e animando as rúas da mesma no tradicional pasacalle; ás 13:00 horas actuará diante da casa consistorial a banda municipal de música Sons e Soños dos concellos de Begonte, Outeiro de Rei e Rábade; ás 17:45 h haberá música tradicional e exhibición de baile rexional na praza da vila a cargo do grupo Volta do agro, que tamén animará coa súa música as rúas do centro e a rúa Manuel María.

Igualmente, a partir das 13:00 h, no campo de Santa Isabel terá lugar a tradicional concentración de coches clásicos.

A partir das 12:00 horas, están previstos varios obradoiros dirixidos aos máis pequenos concretamente a un público infantil con idades comprendidas entre os 5 e os  12 anos.

Nesta mesma zona, á entrada do campo de santa isabel, instalarase por terceira vez un punto de adopción canina a cargo da empresa outeiresa Garatuxa, que está ocupándose a través dun convenio dos cans que recolle o Concello no seu termo municipal. As adopcións que se realicen non terán ningún custe para a persoa que adopte que recibirá ademais algún agasallo destinado á alimentación e coidado do can adoptado.

Como nas pasadas edicións, haberá posibilidade de xantar a partir das 13:30 horas na carballeira do campo de Santa Isabel ben baixo carpa, onde a comida será servida polo restaurante González ou no propio campo nas tradicionais merendas.

OUTRAS ACTIVIDADES

Por segundo ano a feira ofrecerá a posibilidade de realizar paseos en kaiak polo río Miño, en horario de 16:30 a 19:00 horas e de forma gratuíta.  Esta Actividade estará  guiada polo club de piragüismo Cidade de Lugo e para participar nela é preciso ter 7 ou máis anos e saber nadar.

Ás 17:30 h sairá un bus turístico das proximidades da casa consistorial que visitará o campo da feira e as Penas de Rodas en Gaioso, a igrexa de Robra e o salto do Piago. O percorrido finalizará coa visita á casa-museo Manuel-María.

As prazas son limitadas  polo que para participar nesta actividade gratuíta é necesario inscribirse previamente o día da feira na caseta do Concello instalada nas inmediacións da casa consistorial.

Ás 18:00 h, ao lado da capela de Santa Isabel terá lugar unha exhibición e actividade participativa de tiro con arco a cargo da Escola Lucense de Tiro con Arco representada por Alfonso Fernández, adestrador nacional e presidente da entidade.

Media hora máis tade, na praza da vila haberá un espectáculo familiar de maxia a cargo do mago outeirés Manuel Lamas, que terá unha duración aproximada de 60 minutos.

Ao igual que nas pasadas edicións, realizarase o sorteo dun total de 2o premios de 50 euros cada. Cada establecemento admitido pola organización da feira terá 40 rifas que repartirá entre os seus clientes. Este sorteo é unha iniciativa máis, dentro do programa de eventos que contempla a celebración desta feira, co que se pretende animar á xente a que veña a coñecer este evento premiando a realización de compras en calquera posto.

O sorteo terá lugar ás 21:30 horas na caseta do Concello.

Ao longo da xornada, e ata esgotar existencias, repartiranse sen custo económico cadernos conmemorativos da feira que se poderán personalizar co nome da persoa que se desexe na caseta da empresa Laser Lucus situada na rúa D. Para obtelas será requisito responder correctamente a unha pregunta sobre Outeiro de Rei que o persoal do Concello realizará á persoa interesada.

cartaz feira artesanai outeiro de rei
cartaz feira artesanai outeiro de rei2
cartaz feira artesanai outeiro de rei 4

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.090365886688232