Outeiro de Rei prepárase para acoller a III Supercopa FGA, unha das grandes citas do karting galego

LugoXa | TerraChaXa
O sábado 29 combinaranse controis, adestramentos e as primeiras carreiras, ademais do briefing oficial, e o domingo 30 terá lugar a xornada decisiva
supercoma-fga-outeiro
26 Nov 2025

Outeiro de Rei volverá converterse nun dos epicentros do automobilismo galego coa celebración da III Supercopa FGA, organizada pola Federación Galega de Automobilismo no marco do Campionato Galego de Karting. A proba disputarase no circuíto municipal os días 28, 29 e 30 de novembro, reunindo pilotos de diferentes idades e niveis nun evento que se perfila como un dos máis destacados do calendario autonómico.

A competición contará co apoio da Xunta de Galicia, Deporte Galego e o Concello de Outeiro de Rei, e ofrecerá un extenso abano de categorías: Prerookie, Escuela IRT, Rookie, Mini Novel, Mini, Junior, Senior, KZ, KZR, KZ2 e KZ200. A diversidade de modalidades garante emoción, aprendizaxe e un alto nivel competitivo ao longo das tres xornadas.

A programación arrancou cos adestramentos colectivos os días 22 e 23 de novembro. O venres 28 celebraranse as verificacións administrativas e novas sesións de preparación; o sábado 29 combinaranse controis, adestramentos e as primeiras carreiras, como a da categoría Prerookie, ademais do briefing oficial. O domingo 30 terá lugar a xornada decisiva, na que se disputarán a Super Pole, a Pole Position e a Final.

Toda a información actualizada estará dispoñible na web da Federación Galega de Automobilismo, así como a través do contacto habilitado pola organización. A III Supercopa FGA promete un fin de semana de intensidade deportiva e espectáculo sobre o asfalto, consolidando unha vez máis Outeiro de Rei como un dos enclaves clave do karting en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.087265968322754