Outeiro de Rei presenta o venres as actividades de Promoción da Muller nun acto ante os veciños

O próximo venres, día 7 de febreiro, o salón de actos da Casa da Cultura de Outeiro de Rei acollerá o acto de presentación da vixésimo quinta edición do Programa de Actividades de Promoción da Muller 2025 nun acto presidido polo alcalde, José Pardo Lombao e a concelleira de Servizos Sociais, María José Martínez Vigo.
A partir das 17:00 horas, as persoas que asistan coñecerán a nova programación que o Concello de Outeiro de Rei porá en marcha ao longo do ano e poderán inscribirse unha vez rematada a presentación nas actividades previstas para o primeiro semestre do ano. Lembrar que aínda que a programación vai destinada ás mulleres, algunha das actividades previstas estará aberta á participación dos homes.
As prazas cubriranse por orde de solicitude e o prazo de inscrición das actividades previstas para o primeiro semestre do ano permanecerá aberto ata o día 21 de febreiro.
Con motivo de celebrar os 25 anos de traxectoria desta programación, o Concello sorteará unha cesta con produtos de proximidade entre as persoas asistentes ao acto (maiores de idade).