Outeiro de Rei promove a compostaxe doméstica este xoves

LugoXa | TerraChaXa
A instalación desta carpa será o punto de partida para o reparto gratuíto de 50 composteiros individuais
compostaxe-recurso
1 Oct 2025

Este xoves, día 2 de outubro, en horario de 11:00 a 14.00 h instalarase nas inmediacións do Concello de Outeiro de Rei unha carpa ao obxecto de dar información sobre compostaxe doméstica e promover o uso destas prácticas dentro dos nosos hábitos de vida.

A campaña de compostaxe doméstica promovida polo Concello de Outeiro de Rei está destinada a aquelas persoas que residan nalgunha vivenda unifamiliar do municipio e dispoñan de xardín e/ou horta. A principal característica deste tipo de compostaxe é que se realiza a pequena escala, empregando compostadores de uso individual que se colocan na horta ou xardín de cada casa o que permite xestionar os residuos orgánicos xerados sen necesidade de desprazarse, ademais de obter compost propio dunha forma sinxela e limpa.

A instalación desta carpa será o punto de partida para o reparto gratuíto de 50 composteiros individuais; xunto ao composteiro farase entrega dun aireador, un cubo pequeno previsto para a recollida in situ dos residuos órganicos e un tríptico informativo. As persoas que desexen un composteiro e aínda non o teñan solicitado no Concello, o poden solicitar ese día na carpa instalada na Praza do Concello e posteriormente, ata esgotar existencias, no Servizo de Desenvolvemento Local do Concello de Outeiro de Rei. Os composteiros, un total de 50, serán repartidos por orde de solicitude e levados á vivenda por persoal técnico, que tamén prestará asesoramento individualizado sobre o seu funcionamento.

Esta campaña está financiada con fondos europeos Next GenerationEU da Unión Europea, a través da Xunta de Galicia e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España e polo propio Concello de Outeiro de Rei.

⚙ Configurar cookies
0.080738067626953