Outeiro de Rei recibe a bandeira verde da man de Feijoo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reeditou hoxe o compromiso co fermosismo galego, reflectido nuns orzamentos para 2022 que incrementan un 53% a achega para a protección da paisaxe, pasando dos 3,6 millóns de euros deste ano aos 5,6 millóns do vindeiro exercicio.
Durante o acto de entrega das Bandeiras Verdes 2021, Feijóo afirmou que a Administración autonómica seguirá comprometida cunha Galicia verde e azul, a través da protección do medio ambiente, da loita fronte ao cambio climático, coa eficiencia enerxética e coa xestión de residuos.
Un compromiso que tamén fan seu os concellos de Alfoz, Curtis, Moaña, Mondoñedo, Ordes, Outeiro de Rei, Parada de Sil, Porto do Son e Sober que, en conxunto, presentaron preto de 150 accións -para a protección do medio ambiente, a ordenación do territorio, a loita fronte ao cambio climático, a eficiencia enerxética ou a xestión dos residuos- que acadaron a puntuación esixida para recibir este distintivo, que constitúe un mérito aos efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural.
“E seguiremos destinando recursos para seguir practicando o fermosismo galego”, aseverou, subliñando que fermosismo é a Bandeira Verde, pero tamén son as axudas para a loita contra os impactos paisaxísticos, que este ano chegaron: a preto de 450 particulares, para os que houbo que ampliar o orzamento ata chegar aos 1,2 millóns de euros polo gran número de peticións; e a 60 concellos, beneficiarios dunha novidosa orde de 800.000 euros para edificios municipais e elementos etnográficos.
“E fermosismo tamén é a Estratexia da Paisaxe Galega que contará, dentro da contía total, cun millón de euros en 2022 para continuar coa elaboración de guías de boas prácticas, que xa son 11 e que sumarán a de instalacións portuarias, a de cartelería ou a de parques empresariais; para desenvolver o proxecto A paisaxe galega desde a bicicleta, con centos de quilómetros para rutas sobre dúas rodas, así como o Pacto pola paisaxe da Ribeira Sacra, con pequenas actuacións que cambiarán a cara de moitos puntos da Reserva”, engadiu.
Feijóo aproveitou o Día Internacional da Paisaxe para felicitar aos nove concellos galardoados cuxas pretensións se axustan á perfección co lema deste día: “Estratexias de paisaxe, plans de acción e documentos de políticas para a calidade da paisaxe”.