Outeiro de Rei recibe contedores de papel para fomentar a reciclaxe

TerraChaXa
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de entregar ao Concello de Outeiro de Rei máis de 40 contedores destinados ao depósito de papel-cartón e de envases lixeiros.
117387283_1419335018251690_8727329303890455223_n
30 Aug 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de entregar ao Concello de Outeiro de Rei máis de 40 contedores destinados ao depósito de papel-cartón e de envases lixeiros.

A entrega destes novos colectores, aos que se destinaron máis de 13.000 euros, é unha acción que forma parte do chamado Plan Galicia Recicla, impulsado no marco do convenio de colaboración asinado en 2016 entre a Xunta e Ecoembes. Concretamente, o Concello de Outeiro de Rei renovará as súas infraestruturas de recollida de residuos coa incorporación de 33 para envases lixeiros (amarelo) e 10 para papel e cartón (azul).

O Plan Galicia Recicla é un conxunto de medidas e actuacións que teñen como obxectivo común fomentar a reciclaxe entre os galegos, lembrando que unha boa maneira de incentivar este tipo de prácticas consiste en dotar tanto aos concellos como aos cidadáns das ferramentas axeitadas.

Este tipo de actuacións, unidas ás políticas medioambientais que está a desenvolver a Xunta, con campañas e iniciativas divulgativas para sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de reducir a produción de residuos no día a día e reciclar o maior número posible dos que se xeran, están a ter un efecto moi visible na evolución das taxas de reciclaxe na comunidade.

O ano pasado acadáronse ratios espectaculares de reciclaxe deste tipo de material, cun incremento do 10,1% da recuperación de papel-cartón e do 11,4% no caso dos envases lixeiros en comparación cos datos de 2018. Así, en Galicia a reciclaxe de envases lixeiros está en 12,9 kg/ano depositados no contedor amarelo e 13,9 kg/ano en contedor azul (papel e cartón).

Estas cifras poñen de manifesto a cada vez maior concienciación dos galegos e galegas pola reciclaxe, así como o compromiso medioambiental amosado polo Goberno galego, que se recolle en xestos como a continua mellora da actual rede de contedores.

Coa rede de contedores actuais, un 99,8% dos galegos xa ten acceso á recollida selectiva de envases lixeiros e o obxectivo da Xunta é seguir renovando aquelas unidades que o precisen e incrementando os puntos de depósito para facer que este xesto sexa o máis cómodo e fácil posible para os cidadáns.

0.16502094268799