Outeiro de Rei recibe o Nadal cun mercado cheo de postos, degustacións e actividades

LugoXa | TerraChaXa
A Anpa do colexio organizará obradoiros dirixidos á cativada, que se desenvolverán entre as 16.30 e as 18.30 horas
Mercado-de-Nadal-2025
19 Dec 2025

O Concello de Outeiro de Rei dará inicio ás celebracións do Nadal coa organización dun Mercado de Nadal que se desenvolverá este sábado ao longo de toda a xornada, reunindo unha ampla oferta de postos, propostas gastronómicas, música e actividades culturais pensadas para todas as idades.

A feira terá como principais escenarios o pavillón do CEIP Laverde Ruiz e a Casa da Cultura, espazos que concentrarán a maior parte da programación. A apertura oficial está prevista para as 11.30 horas coa representación da obra teatral Vicki e a felicidade, a cargo da compañía O Bandullo Azul, no salón de actos.

Pouco despois, arredor das 12.00 horas, abrirán as súas portas os postos do mercado no pavillón, onde as persoas asistentes poderán atopar unha variada selección de artigos. A animación musical correrá a cargo do coro da asociación Músico Crisanto, integrado por participantes de Outeiro de Rei, Begonte, Friol e Rábade, que interpretarán pezas tradicionais do Nadal.

A programación completarase cunha cata de viños e queixos ás 13.00 horas na Casa da Cultura, para a que será necesario inscribirse previamente, así como cunha degustación de doces e sobremesas que terá lugar pola tarde, a partir das 17.30 horas, no mesmo espazo.

Ademais, a Anpa do colexio organizará obradoiros dirixidos á cativada, que se desenvolverán entre as 16.30 e as 18.30 horas, co obxectivo de ofrecer alternativas de lecer familiar durante toda a xornada.

O Mercado de Nadal está impulsado polo Concello de Outeiro de Rei en colaboración coa Xunta de Galicia e outras entidades, e pretende converterse nun punto de encontro veciñal e nunha cita destacada do calendario festivo local.

⚙ Configurar cookies
0.071172952651978