Pablo Díaz actúa este sábado na Casa Museo de Manuel María
Pablo Díaz estará este sábado en Outeiro de Rei, en concreto na Casa-Museo Manuel María, cun concerto dirixido para crianzas, entre 3 e 6 anos, e as súas familias. O músico interpretará cancións do seu último traballo, “Coas miñas mans”.
Pablo Díaz leva xa cinco traballos discográficos tendo por destinatario o público infantil. Durante os case dez anos de carreira percatouse da importancia que para as crianzas ten toda a xestualización manual e facial, por este motivo, e partindo das mans como estratexia comunicativa, xurdiu o seu traballo “Coas miñas mans”.
O concerto do sábado, que conta coa colaboración da ANPA do CEIP Laverde Ruíz de Outeiro de Rei, e da ANPA do CEIP Otero Pedrayo de Rábade, é presentado polo mesmo Pablo Díaz da seguinte maneira “Coas miñas mans podo debuxar, contar, s
entir... Música para aprender os números, as cores, as comidas… mais tamén para cantarlle á lúa, á primavera… Cancións divertidas para medrar con alegría!”
Pablo Díaz debutou, en decembro de 2009, co seu primeiro traballo discográfico TIC TAC, acadando un éxito espectacular na Galiza, xa que a primeira edición do traballo esgotouse en 3 meses, e na actualidade encóntrase esgotada a 4ª edición do traballo. Este CD resultou un dos 3 finalistas nos premios galegos da música Martín Códax e foi o gañador do premio "Anisia Miranda á creatividade infantil" en 2011.
En novembro de 2013, veu a luz o seu segundo traballo, TOC TOC, que tivo que ser reeditado en febreiro de 2014 e do que van vendidos máis de 4000 libro-discos.
Decembro de 2014,editou un CD máis íntimo e dedicado ao público de menor idade, "Xente miúda, moita fartura", apostando nesta ocasión pola autoprodución e por contar coa colaboración de Tito Calviño e Carmen Rey. Dous anos máis tarde saiu á rúa o seu penúltimo traballo, "Tic tac toc".
As entradas para poder asistir ao concerto deste sábado poden reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou chamando ao tel. 698177621.