Paco Buyo presenta o seu libro durante a XXXIV Festa do Emigrante de Pol
Cada 24 de agosto os veciños e veciñas de Pol, e procedentes doutros lugares tamén, danse cita na carballeira de Mosteiro para disfrutar da Festa do Emigrante que organiza o Concello de Pol.
A cita foi impulsada fai máis de 30 anos por un grupo de amigos do Concello que querían facer algo grande no municipio. A partir de entón a carballeira ve tódolos anos como se reúnen veciños e veciñas de tódalas parroquias e outros que volven pasar o verán pola zona.
O Concello instala unha carpa con capacidade para 1.800 persoas que queiran disfrutar dunha merenda no seu interior. Con todo, na última edición “superáronse as 2.000 persoas”, segundo indica Marina Ramudo, concelleira de Benestar. É que, a maiores, grupos de persoas e familias tamén participan nas merendas no exterior da carpa. De feito, contarán tamén con postos de polbo que, habitualmente, tamén se achegan á localidade cada primeiro venres de mes para participar na feira mensual.
Nesta ocasión, a xornada dará comezo á unha do mediodía dunha misa cantada polo coro Schola Gregoriana Lucensis para dar paso ao pregón a cargo do ex-xogador galego do Deportivo, Real Madrid e Sevilla, Paco Buyo, que aproveitará para presentar o seu libro. Algúns dos seus predecesores foron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; ou o xornalista Fernando Ónega, entre outros. De calquera xeito, o equipo de goberno procura que sexa “un personaxe público galego e emigrante”.
Como é tradición, a festa inclúe o descubrimento da placa do XXXIV aniversario da Festa ao Emigrante do Concello de Pol instalada xunto ás dos anos anteriores na propia carballeira onde tamén permanece a estatura ao emigrante.
E despois das dúas e media do mediodía, o trío Kalima 3.0 ofrecerá unha sesión vermú a modo de preludio do xantar na carballeira que inclúe, como novidade, a degustación dunha xovenca asada no campo que se repartirá entre as persoas asistentes.
Pola tarde, a partir das catro e media, haberá xogos tradicionais a cargo de Xotramu e unha demostración de tear. A música continuará de novo co trío Kalima 3.0 a partir das seis da tarde. E xa pola noite, a partir das dez e media, a verbena estará amenizada polas orquestras Charleston BigBand e Olympus.