Pais de Baamonde encadeáronse este domingo ao colexio
As protestas no Ceip de Baamonde polo plan municipal de reunificar os dous centros en Begonte para ocupar o de Baamonde coa escola de música continúan adiante.
Precisamente, este domingo, un grupo de familias do centro, acompañados de veciños da localidade mobilizouse de novo encadeándose de forma simbólica á entrada das instalacións, para visibilizar a súa intención de pelexar ata o final para evitar que o próximo curso o centro peche.
Os manifestantes aseguraron que as familias dos 30 escolares —15 de Baamonde e outros tantos da parroquia guitiricense de Pígara—
están á expectativa de ver que ocorre unha vez que se peche o prazo de reserva de matrícula nos centros educativos xa que, segundo avanzaron, a maioría cambiaranse para os colexios de Parga e Guitiriz se o de Baamonde finalmente acaba pechando.
Desde a Anpa poñen en dúbida que se chegue a executar o proxecto de habilitar un conservatorio de música e un auditorio nas instalacións do Ceip de Baamonde, xa que, segundo din, "terían que contar co financiamento doutras administracións".
Lembra tamén que non hai necesidade de pechar o colexio "cando ambas actividades non son incompatibles".