Pais de Baamonde farán o Camiño de Santiago en protesta polo peche do colexio
Nais, pais e veciños de Baamonde realizarán o próximo 9 de maio un tramo do Camiño de Santiago para reivindicar que o colexio da localidade siga operativo.
A acción foi anunciada pola portavoz do anpa de Baamonde, Paula Iglesias, que manifestou que a protesta conta co apoio da Federación de Anpas da Provincia (Fapacel) e coa asociación de veciños desta parroquia de Begonte.
Así, a marcha cubrirá o roteiro que une Vilalba e Baamonde para protestar polo anunciado peche do colexio, dentro do plan de restruturación proposto polo Concello que consiste na reunificación dos colexios no de Begonte e a cesión do de Baamonde para a posta en marcha dun conservatorio de música.
O alumnado do colexio quedou repartido en varios concellos. Un matriculáronse en Guitiriz, en Parga e mesmo en Vilalba. "Ao final non houbo unificación e foi un desmantelamento en toda regra porque cada un tívose que buscar a vida", lamentou, que aseverou que veciños e pais farán "o que sexa" para evitar o peche do colexio de Baamonde.
De feito, continuarán as manifestacións e outro tipo de reivindicacións que se iniciaron cando se anunciou esta medida e que consistiron en varias concentracións e protestas ante os distintos organismos e que se completou co envío de varias solicitudes ao conselleiro de Educación para manter unha reunión, solicitudes que non foron contestadas.