Paixón pola súa parroquia

TerraChaXa
A asociación dos Vilares intenta recuperar as actividades tralo paso da pandemia mentres agarda unha solución para o seu local social.
os vilares2
12 sep 2021

A asociación veciñal dos Vilares intenta recuperar as actividades tralo paso da pandemia mentres agarda unha solución para o seu local social.

A Asociación de Veciños Cultural e Medioambiental Os Vilares é sen dúbida unha das senlleiras da zona, xa que a súa fundación remóntase a 1990, 31 anos atrás.

Hoxe en día conta con arredor dos cen socios e está presidida por Luz Veres Cordeiro cunha actividade  constante e sendo un referente claro e contundente da vida social e cultural nesta parroquia de Guititriz.

Como explica a súa presidenta, o obxetivo principal co que naceu a asociación foi para unir á xente nova e traballar pola parroquia, así como dinamizar e facer actividades.

“A idea de crear a asociación xurdiu entre varias persoas falando das necesidades da parroquia para unir a xente e facer actividades”, explica Luz Veres.

Este obxectivo cumpliuse con creces e son un referente en celebracións como o Entroido, a Romaría Labrega da Chaira e o Magosto, todos elas castigadas pola pandemia.

Unha das últimas actividades incorporadas ao seu catálogo foron os cantos de Reis, que comezaron a facerse no ano 2019 “que tivemos que pospoñer debido á pandemia pero que temos previsto seguir con eles”, explica. Non faltan tampouco as clases de música. As actividades teñen unha gran participación e boa acollida por parte dos veciños e veciñas, de feito é esta unha parroquia de fonda tradición cultural e participación. “Eso axuda moito tanto na organización como na participación da xente nas actividades”, explica Luz.

Sen dúbida de todas as actividades que organizan a de máis éxito é a Romaría Labrega. Trátase dunha romería de exaltación do traballo no campo que se celebra cada ano na carballeira do Cancelo, nela destacan todos os anos os xogos populares ou as carreiras sen faltar o apartado musical. A data escollida é sempre a mediados do mes de agosto e serve de celebración tamén para todos os visitantes que recibe a parroquia durante o verán.

FUTURO

Co freazo que supuxo para a asociación a chegada da covid o obxectivo máis inmediato é retomar a actividade normal. “De cara ao futuro temos previsto seguir coas actividades que se levaban a cabo antes da pandemia xa que a covid paralizounos totalmente as actividades, tanto por medo como por falta de medios para poder levalas a cabo con seguridade xa que actualmente os medios de financiación son escasos para poder realizalas con todo o protocolo de seguridade que se necesita”, explica Luz Veres.

Tal e como engade, é difícil para unha asociación manter unha programación constante. “Os medios de financiación para as actividades levadas a cabo son a través das entidades como a Deputación de Lugo e o Concello de Guitiriz pero tamén contamos co apoio de comerciantes e hostaleiros do concello e arredores que colaboran con nós para a Romaría Labrega”, indica.

Tamén falando de futuro, Luz Veres fai referencia ás necesidades do colectivo. “A necesidade máis grande que temos agora mesmo é contar con investimento para reformar a Escola Habanera da Conchada no Laxoso, sede actual da asociación e na que se levan a cabo a maioría das actividades”, di explicando que precisa dunha reforma e acondicionamento para as actividades proxectadas e tamén para o uso por parte de calquera veciño que o precise tanto para reunións como calquer outro uso responsable da mesma.

osvilares 3
os vilares 1
os vilares 4
0.20206785202026