Paixón polo tecido

TerraChaXa
Puntadas con Agarimo, formada por cinco amigas das Pontes, remata o ano cunha nova xuntanza nas Campeiras e facendo balance da experiencia
puntadas-con-agarimo
15 Dec 2024

Puntadas Con Agarimo organiza unha nova quedada laneira, que xa é a novena sesión e que terá temática de Nadal. Esta é hoxe, domingo 15 de decembro, ás 13.00 horas, no local social das Campeiras.

Ademais de tecer, as participantes poderán intercambiar contos e tomar unha merenda para o que piden dous euros de aportación.

Esta será polo tanto a novena reunión que organizan estas cinco amigas das Pontes, Verónica, Tania, Lucía, Urbana e Elvira, que fundaron aló polo mes de febreiro Puntadas con Agarimo. O grupo non pretendía outra cousa que xuntar a todos os amantes do tecido baixo un mesmo teito para compartir trucos, ideas e tamén algo de risas e contos.

A idea xurdiu nunha viaxe que fixeron as cinco a Madrid, a unha feira de las á que levaron o mesmo xersei. Esta peculiaridade chamou a atención da xente que lles preguntou se tiñan un grupo nas Pontes. Ese pequeno xerme foi suficiente para que á volta, no mesmo autobús, comezase o proceso de creación. Na seguinte semana xa estaban coa primeira xuntanza.

Dúas ideas marcaron o comezo, a primeira, evitar burocracias, polo que a asociación formouse de forma libre, sen acollerse a ningún tipo de papeleo. A segunda idea era facer as xuntanzas polas parroquias, primeiro para dinamizalas e segundo para dar opción a moitas mulleres a participar neste evento polas dificultades que teñen moitas veces de desprazarse.

A resposta a esta iniciativa foi impresionante xa que arredor de 26/27 persoas de media asisten a estas xuntanzas de domingo pola tarde.

Ata o de agora contan só con mulleres, xa que os homes non se atreveron a achegarse ao grupo, pero comezaron a incorporarse tamén nenas, polo que reuniron a xeracións totalmente dispares arredor das agullas.

“Nacemos como unha maneira de interactuar, de axudarnos entre nós e de feito, se alguén non pode asistir facemos entre todas o que faga falta”, explica Vero, unha das organizadoras.

TODA UNHA EXPERIENCIA

Neste case primeiro ano de vida foron xa sacando aprendizaxe para o próximo. Nos dous meses de verán non se fixeron reunións polo tema das vacacións pero si escoitaron o que demandan as asistentes. Así xorden as ideas de traer unha persoa para que dea unha formación máis avanzada. “Pídennos talleres e por iso estamos intentando organizar algún, por exemplo de calcetíns, ou dalgunha técnica nova e niso estamos”, avanza Vero, que tamén ten claro “que hai suxestións que ás veces son complicadas de seguir. Por exemplo, a idea de tecer todas a mesma prenda. Ata certo punto afástase da idea orixinal de que cada unha faga o que queira, por iso funciona tan ben, porque non hai imposicións, o que buscamos é socializar”.

Agora que son un amplo grupo teñen un rango de idade moi completo. A maioría das asistentes están entre os 30 e os 70 anos, pero agora buscan o relevo xeracional, por iso a primeira idea de formación é facer un taller máis ben dirixido a nenas e nenos, pero xa para o ano próximo.

ASOCIACIÓN

A idea de ser asociación segue dando voltas. Dende o Concello xa lles invitaron a oficializar o grupo para poder colaborar con elas economicamente xa que no resto de cuestións, como cesión de espazos e demais, xa o están facendo. As ideas seguen xurdindo pero a vida real para estas cinco mulleres, nais traballadoras, dificulta unha progresión máis acelerada.

“A verdade é que non temos moito tempo, facemos ata onde podemos, porque montar unha asociación para logo non facer nada tampouco é. Sabemos que para facer talleres e demais facilitaría ser asociación, pero pouco a pouco”, engade cun sorriso.

Agora a principal meta é aumentar o número de nenas “e conseguir que veña algún home”.
Para iso lembra os beneficios que ten o tecido, como que mellora a autoestima e a confianza, reduce o estrés, aumenta a creatividade, axuda a pasar momentos difíciles, mellora a coordinación de a psicomotricidade, así como a concentración e a memoria. “En esencia, aumenta a felicidade”, di.

Ademais, contan cun lado solidario, xa que colaboran con varias asociacións benéficas recollendo madeixas ou tecendo prendas para os máis desfavorecidos.

As persoas que desexen anotarse a algunha das quedadas ou informarse poden facelo no 658 961 505 (Vero).

puntadas-con-agarimo-3
0.16852498054504