Papá Noel chegará este mércores a Vilalba cunha tarde chea de actividades para a rapazada con Entrepinares

Vilalba recibirá este mércores a visita de Papá Noel nunha xornada pensada especialmente para os nenos e nenas, que poderán achegarse a vivir a maxia do Nadal no centro da vila. O personaxe máis esperado destas datas chegará ás 18:00 horas á Praza da Constitución, onde recibirá á rapazada e recollerá persoalmente as súas cartas.
A programación comezará xa ás 16:00 horas, coa posta en marcha de diferentes actividades lúdicas para gozar dunha tarde divertida en familia. Os asistentes poderán participar en xogos e propostas como inchables, unha pista multiobstáculos, a barredora wipe out ou a caza da teupa, creando un espazo de lecer pensado para todas as idades.
Esta iniciativa conta un ano máis coa colaboración do Grupo Entrepinares e forma parte da programación especial de Nadal, co obxectivo de ofrecer alternativas de ocio gratuítas e fomentar a participación da veciñanza durante estas datas tan sinaladas.