Papá Noel reunirase por videconferencia cos nenos de Carballedo, A Fonsagrada, Guitiriz e O Vicedo
Preto de 800 alumnos de educación infantil de máis de 20 concellos de Galicia poderán realizar as súas peticións de Nadal a Papá Noel grazas á rede de videoconferencia das aulas CeMIT ata o día 21 de decembro.
Ao longo destes días conectarán con Laponia as aulas CeMIT de Abegondo, Bande, Beariz, A Cañiza, Boiro, Carballedo, Castrelo do Miño, Catoira, Celanova, Fisterra, A Fonsagrada, Guitiriz, Leiro, Marín, Muros, Ortigueira, Santa Comba, Valga, O Vicedo, Vilagarcía e Vimianzo, ata completar así as 21 localidades que recibirán a visita virtual do noso Papá Noel e un total 769 nenos e nenas en 32 sesións.
O obxectivo desta actividade, que este ano cumpre o seu décimo sexto aniversario, cunha grande aceptación entre a comunidade educativa, é facilitar a comunicación entre Papá Noel e os nenos e nenas destas localidades, que poderán falar e interactuar con el poucos días antes da Noiteboa, cando se atendan as peticións de agasallos de todos os nenos e nenas do mundo.
Ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel as persoas adultas en situación de dependencia psíquica do Centro de día de Guitiriz ou do Centro Aspromor de Ortigueira.
Con este tipo de experiencias, a Rede CeMIT da Xunta de Galicia busca converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica) é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega que conta coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 94 centros en 52 comarcas que ten entre os seus obxectivos o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
A Rede conta con máis de 110.000 usuarios e leva planificadas máis de 500.000 horas de formación, desde a súa posta en marcha. A rede conta con máis de 980 "aliados dixitais" entre empresas, entidades e voluntarios. A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.