“Para seguir medrando, Vilalba necesita novos emprendedores”
Tania Lage Pita, xerente da empresa vilalbesa Rentacar xunto a Nicolás Ferreiro.
No mes de maio deste ano abriu as súas portas en Vilalba Rentacar, unha empresa de alugueiro de turismos, furgonetas e autocaravanas sen condutor a curto e longo prazo, situada na rúa Castiñeiro do polígono industrial Sete Pontes. Á fronte desta empresa está a parella formada por Tania Lage Pita e Nicolás Ferreiro, dous emprendedores de Vilalba.
Como xurde a idea de crear Rentacar?
Pois a idea víñamola traballando xa dende o ano pasado porque a ambos os dous gústanos moito o mundo do motor, xa que o pai de Nicolás ten un taller mecánico e sempre estivemos vinculados a este sector porque nos gusta moito. Víamos que en Vilalba faltaba un servizo de alugueiro de vehículos e había moita xente que o demandaba tanto no aspecto persoal como empresarial, polo que nos parecía unha boa proposta de negocio. Decidimos, polo tanto, emprender nesa vía así que levamos funcionando nesta nova andaina dende o 20 de maio deste ano.
Cales son os servizos que presta Rentacar?
En Rentacar prestamos servizos de alugueiro de vehículos de todo tipo a curto e longo prazo, tanto a particulares como a negocios de autónomos e empresas. Centrámonos en turismos, furgonetas, furgonetas de 8 prazas e autocaravanas.
Cal é o máis demandado, o particular ou o privado?
A verdade é que a demanda é alta en todos os vehículos que temos pero quizais o que máis movemento ten é o de alugueiro de turismos ao particular. De feito este verán, tivo moitísima demanda, tal foi así que estiveron ocupados e non puidemos atender a toda a demanda. Este tipo de cliente é máis habitual aínda que tamén hai moito autónomo.
Os vehículos cos que traballan son seus?
Si, son todos adquisición nosa e o noso obxectivo é seguir crecendo e aumentado o parque móbil para cubrir toda a demanda. Tamén cando pase certo tempo intentarmos cambialos pero polo momento son novos.
Que zona abarcan?
A nosa maior clientela está na propia vila de Vilalba pero alcanzamos toda a Terra Chá, aínda que recibimos chamadas de moitos outros sitios. Tamén temos xente que nos vén de fóra da comarca polo que agradecemos moitísimo que confíen en nós desta forma e nos axuden así a mellorar un pouco máis para dar cada día un mellor servizo.
Por que escolleron Vilalba?
Por dúas razóns importantes, non había nada similar aquí pero tamén, e máis importante, porque é o noso pobo de nacemento e queríamos estar aquí. Ademais, Vilalba necesita novos emprendedores e negocios para que siga medrando o pobo.
Cal é a característica máis destacada de Rentacar?
O noso maior interese é dar o mellor servizo e que os nosos clientes se sintan cómodos e agusto con nós, para iso buscamos un trato cercano con todos eles e sempre aclarando no momento todo tipo de dúbidas ou problemas que poidan xurdir para así cubrir o mellor posible as súas necesidades.
Que horario teñen?
O noso horario de atención ao público é de luns a venres de 9.00 a 13.00 e de 15.30 a 20.00 horas. O sábado estamos abertos tamén de 10.00 a 13.00. Ademais, temos un buzón para chaves, se a entrega coincide en domingo ou festivo, para que se podan facer as devolucións fóra do horario de oficina de forma cómoda e satisfactoria para os nosos clientes.
E de cara ao futuro, que proxectos hai?
O primeiro proxecto que temos é seguir ampliando, non só en vehículos senón no local. De feito, a principios do ano que vén mudaremos as nosas instalacións para unha nave máis grande onde podamos seguir crecendo en flota. Estaremos alí de feito a partir do cambio de ano, no número 48 da crúa Acivro, no mesmo poígono, ao lado de Distribucións Cabarcos.