Paraíso Canto actúa este sábado na casa museo de Manuel María
Este sábado, 12 de novembro, ás 20 horas, o dúo conformado por Martiño Malleiro e Gabi Reboredo, Paraíso Canto, estará na Casa-Museo Manuel María para presentar a súa música. Unha proposta que parte do canto tradicional galego e que procura un son persoal con arranxos propios e que experimenta, tamén, con outras sonoridades do mundo, así como do jazz.
A persoal e expresiva voz de Gabi xunto ao latir dos seus pandeiros é acompañada con gusto e delicadeza polos clarinetes baixo e soprano e mais polo acordeón cromático de Martiño. O repertorio de Paraíso Canto, diverso e emocionante, apóiase no canto comunitario, no canto do pobo, legado marabilloso presente nas casas, nas aldeas, nas tabernas...
Gabi Reboredo, profesor de clases de baile, canto e pandeiro en diversas entidades culturais e musicais da xeografía galega, participou no disco Galiza de Kepa Junquera, como membro de aCentral Folque; foi letrista de discos como Lobos, de Davide Salvado, Rústica, disco colectivo de Cristina Pato, Anxo Pintos, Davide Salvado e Roberto Comesaña, e do álbum homónimo de Caldo. É colaborador habitual de Sheila Patricia. Martiño Malleiro, o outro membro de Paraíso Canto, ten formación de conservatorio en música clásica e na actualidade forma parte do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra.
Para asistir ao concerto é necesario facer reserva (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.