Paramotor, voo acrobático e drons na nova edición do Criterium Aeronáutico
Rozas acolle unha nova edición do Criterium Aeronáutico, que se celebrará en Rozas 25 ao 27 de xullo. O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou un acordo de colaboración co presidente do Real Aeroclub, Luis Abelleira, polo que a institución provincial achegará 10.000 euros para a cita consolidada como unha das máis importantes do panorama nacional.
Contará un ano máis con actividades pensadas para todos os públicos, entre as que se incluirán o paracaidismo, paramotor, voo acrobático, drons, ultralixeiros ou un simulador de voo. Haberá tamén un circuíto de karts, inchables, voos de exhibición e exposicións. Un ano máis terá lugar de forma simultánea a Volta Aérea a Galicia, aberta a todos os pilotos que desexen participar.
Trátase dun evento moi atractivo, que forma parte da oferta turística de Lugo e que consolida á provincia como un destino de experiencias, o que precisamente encaixa co modelo de turismo de calidade e sostible que impulsa a Deputación de Lugo. De feito, a institución provincial volve a ser a Administración que fai unha aportación económica maior, financiando preto do 50 % desta cita.