Pardiñas arranca unha nova edición do festival e a mostra de instrumentos
Arranca hoxe venres a XLVI Festival de Pardiñas, que se celebra ata o domingo 6 de agosto nesta localidade de Guitiriz.
O programa comeza co certame de Cantos de Taberna polos bares e rúas de Guitiriz e continúa sábado e domingo no recinto do Festival, cunha vintena de concertos, obradoiros e espectáculos musicais de grupos e músicos de Galiza, Euskadi, Asturies, Catalunya, País Valenciá, Escocia, Francia, Bretaña, Chile ou Colombia.
No acto de presentación, celebrado no Balneario de Guitiriz, Iria Castro parabenizou á Asociación Xermolos pola organización dun festival que é parte das “vivencias da veciñanza de Guitiriz e de moitas e moitos persoas de toda Galiza que ao longo dos anos disfrutamos aquí da música, do baile e do bo ambiente”. “Que todos e todas poidamos desfrutar de Pardiñas non é froito da casualidade, é froito do traballo incansable de Xermolos, un exemplo da boa saúde da que goza o asociacionismo galego”, apuntou.
Nesa liña, o presidente da Asociación Xermolos Alfonso Blanco reivindicou o Festival de Pardiñas como unha festa de familia que implica na organización a toda a veciñanza e lembrou a contribución de Pardiñas á fomento da creación artística con iniciativas como Certame Terra Chá de Creación Infantil e Xuvenil.
Na presentación participaron tamén Xurxo Souto, Richi Casás e a alcaldesa de Guitiriz e deputada provincial Marisol Morandeira, así como integrantes da Asociación Xermolos e edís do goberno local.
A área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega 20.000 euros para a organización do Festival de Pardiñas.
Ao mesmo tempo terá lugar a 30ª Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas, das máis antigas e importantes de toda a Península Ibérica, e que se celebrará o 5 e o 6 de agosto en Guitiriz, promovida pola Asociación de Gaiteirxs Galegxs - AGG
PROGRAMA
O apartado musical volverá completarse con artistas galegos e vidos doutros puntos para achegar o son folclórico, como o sábado, coa actuación de Xirolarrua, de Euskadi, que fará a sesión vermú; ou Bloquinho de Xermolos, Boroa, os escoceses The Poozies, os galos galos Guilhem Desk , os asturianos La Tarrancha e os galegos Rebeliom do Inframundo. Estas serán as actuacións do sábado, que darán comezo ás 20.30 horas. Estas actuacións estará precedidas polas pandereteiras Brincadeira, dentro da programación da Mostra de Instrumentos.
O domingo a música comezará co concerto dos catalás Cançons de Festa Major tamén en sesión vermú xunto a La Trocamba Matanusca do País Valenciá.
Pola tarde noite actuarán Os Carunchos, Caamaño&Ameixeiras + Caldo, Xisco Feijoó, Calle Mambo e La Trocamba Matanusca. Estes concertos terán lugar a partir das 20.30 horas.
Ademais, dentro da programaicón destacan os pregóns de Xaneco Tubío o sábado da Mostra de Instrumentos e Sabela Núñez Singala o domingo. Por supusto tamén haberá espectáculo infantil, o domingo ás 16.30 boras con Cirquack.
Pero o festival non só é música e actuacións. Volverán estar as tradicionais mostras de artesanía e de instrumentos de música tradicional, así como obradoiros, o sábado de txalaparta con Juan Mari Beltrán e o domingo de danzas bretonas con Justine Frelaut; o de xogos bailados de Luis Pego ou o de baile galego con Montse Rivera.
Tamén haberá Aberto de billarda e carreira popular na tarde do sábado.
Todo este festival coñecido como a Feira e Festa da Música e da Arte, terá o seu inicio na noite do venres, a partir das 20.30 horas, co IX Certame de Cantos de Taberna polos bares de Guitiriz.
CONCURSO
A asociación Xermolos xa ten escollidos os gañadores do XLIV Certame Terra Chá de creación infantil e xuvenil, un concurso vinculado ao Festival de Pardiñas. Neste concurso participaron nas especialidades de contos, debuxo, poesía, teatro, documentais, fotografía, cómic, murais, grafiti, vídeo-creación, improvisación oral, regueifas e rap.
Os premios van ser entregados o sábado 6 de agosto dentro das actividades do Festival de Pardiñas, ás 7 da tarde no Campo da Feira de Guitiriz. Toda esa xornada vai haber actividades coma música, obradoiros, grafiti, xogos, etc.
A lista de premiados pode consultarse neste enlace.
Os galardóns concedéronse nos niveis de educación infantil, nos tres ciclos de Primaria, os dous de Secundaria e en bacharelato e FP. Houbo premios para os tres mellores de cada nivel e especialidade, que se repartirán en material e libros valorados en 60 euros para o primeiro; 50, para o segundo, e 30, para o terceiro. Tamén haberá premios para os traballos colectivos, todos eles con lotes de libros.