Pardiñas escolle aos gañadores do seu concurso e avanza o programa deste ano
A Asociación Xermolos de Guitiriz está ultimando detalles para celebrar este ano unha nova edición do Festival de Pardiñas, concretamente o XLIII edición desta cita musical, que este ano terá lugar os días 5, 6 e 7 de agosto.
Mentres se pecha o programa musical xa se avanzaron algún dos artistas que se poderán ver no festival, como a banda de swing No Reply, o referente do rock galego Ruxe Ruxe, o trikitilari e compositor vasco Xabi Aburruzaga, o grupo de música tradicional Carapaus, a banda emerxente TanDuB ou o artista Comando Curuxás.
CAMISETAS
Por outra banda, xa están á venda as camisetas deste ano, deseñadas por Cristian F. Caruncho. Os puntos de venta son o Bar Xoldra e o Café Pub Soa de Guitiriz. Formato unisex e dúas cores con tallas dende 3/4 anos ata a 4XL.
O ilustrador Cristian F. Caruncho é o creador das camisetas do XLIII Festival de Pardiñas. Cristian participa dende 2013 como festivaleiro e como artesán, poñendo o seu posto para difundir as súas creacións na Mostra de Artesanía.
Cristian, formado na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picaso da Coruña, ten xa un longo percorrido como creador de cómic no cal destaca polo seu compromiso coas aldeas galegas e coas súas xentes, tomando de inspiración Vidueiros, a súa propia aldea, situada ó abrigo da ría de Ortigueira.
Os traballo autoeditados de Cristian son Historias de Rego Torto (O asubío das fouces, O voo da vacaloura, O home que liberou a fraga, Por un saco de patacas, Salustio en Norteamérica, Salustio e a Festa Naciona), Dorotea e Grandarroiba. Cristian foi proclamado gañador do I Carlos Casares-Kristina Berg ao talento creativo. Na actualidade Cristian imparte clases maxistrais e obradoiros de cómic a rapazada en asociacións e centros de ensino, ilustra discos, participa das asociacións da súa contorna e sigue creando en cómic, así estamos a agardar a publicación conxunta do libro ilustrado xunto con María Canosa de Sainza, a punkiereteira.
O deseño de Cristian F. Caruncho recolle a interxeracionalidade e as músicas que enchen Pardiñas durante o Festival.
CONCURSO
Así mesmo, o xurado deu a coñecer os premios do XLIII Certame Terra Chá de creación infantil e xuvenil, ao que se presentaron un total de 820 traballos das catro provincias galegas nas distintas disciplinas, como debuxo, poesía, contos, videopoemas, videocreacións, fotografía, videodocumentais e técnicas teatrais.
Así mesmo déreonse premios especiais ás aulas do CEIP Lagostelle de Guitiriz, polos murais que foron deseñando durante o curso, principiando polo calendario do 2022.
Tamén foi premiado o obradoiro do Santa María das Potes polas súas láminas sobre as Letras Galegas; Breixo Fernández Amil do CPI de Teixeiro, pola presentación do seu traballo en criptogramas, e Os Meniñeiros, da Escola Waldorf de Friol, relato escrito e ilustrado por Manuela Saavedra Jiménez, Nabia Méndez Vázquez, Hada Galán Lamas e Clara Cruz Márquez, 4º da ESO.
Os premios van ser entregados o domingo 7 de agosto dentro das actividades do XLIII Festival de Pardiñas, ás 19:00 da tarde, no Palco do Festival de Pardiñas.
Consulta a listaxe de premiados neste enlace.