Pardiñas fai pública a súa lista de premiados

TerraChaXa
A asociación cultural Xermolos fixo público o fallo do xurado do XL Certame Terra Chá, no que resultaron premiados un total de 125 creacións entre os máis de 750 traballos presentados por escolares de toda Galicia.
25 Xuño 2019

A asociación cultural Xermolos fixo público o fallo do xurado do XL Certame Terra Chá, no que resultaron premiados un total de 125 creacións entre os máis de 750 traballos presentados por escolares de toda Galicia.

Como é tradición, os premios entregaranse durante a celebración do Festival de Pardiñas, o domingo 4 de agosto ás 18.00 horas.

Na categoría de Terra Chá, recibirán premio 28 debuxos e 23 redaccións, tanto en prosa como en poesía, presentadas por escolares de oito centros educativos.

Na modalidade de fóra da comarca chairega son 52 os traballos premiados, 32 deles na categoría de debuxo e unha vintena en poesía e narrativa. Ademais, o xurado galardoou oito cómics.

Ademais, nesta edición, na modalidade audiovisual recoñeceu o vídeo documental A Chaira, de Abel Pena, e a obra A Guerra Civil en Guitiriz’, de Laura Villar, Juan López e Manuel Teijido, todos alumnos do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, así como o vídeopoema de Rosalía de Sandra Rodríguez, do IES Río Cabe de Monforte.

Un rap de alumnos do Ceip Mestre Vide de Ourense; unha regueifa de Antía Soliño, do IES Monte Carrasco de Cangas; a representación Menciñeiros, do Ceip Insua Bermúdez de Vilalba; Os trasniños da colonia, da Escola Waldorf e Meniñeiros de Friol, son outras das obras premiadas.

As fotografías de Juan Fraga, do Ceip Lagostelle de Guitiriz; Nara Tenreiro, do Mato Vizoso de Vilalba, e Celia Álvarez, do IES Monte Carrasco de Cangas, tamén foron distinguidas, igual que os murais do Mato Vizoso, as aulas Letras Galegas doi Ceip Lagostelle e o obradoiro Somos Pintores do Ceip de Teixeiro.

Podes consultar a lista de premiados neste enlace

0.20971608161926