Pardiñas, unha fonte que non se esgota

TerraChaXa
Xermolos foi aprendendo da Nai Terra os ritmos propios da natureza e ao seu abeiro foi mimando as medras do Festival de Pardiñas, fiel a súa filosofía de que as actuacións humanas endexamais poden superar as marabillas que abrollan da vida.
alfonso blanco
3 Ago 2017

Xermolos foi aprendendo da Nai Terra os ritmos propios da natureza e ao seu abeiro foi mimando as medras do Festival de Pardiñas, fiel a súa filosofía de que as actuacións humanas endexamais poden superar as marabillas que abrollan da vida. Así concibe xunto coa Irmandade Manuel María os hectómetros literarios que están a marcar o Paseo dos Soños no Rañego de Vilalba. O Festival xa adulto –está a cumprir 38 anos-  adquireu o “formato” que lle acae coma unha romaxe que está a vivirse en amizade e familia, fieis á cultura das e dos nosos devanceiros, medrando grazas á enerxía das raíces das súas carballeiras. Xermolos soubo escoitar a fala e os segredos dunhas árbores que gardan a memoria de moitas xeracións que ao seu amparo foron atesourando un xeito sabio de construir pobo.

Das nais e pais ás crianzas

O Festival de Pardiñas converteuse nunha froita madura para saborear as esencias do noso, emporiso eiquí peregrinan as familias para mergullar ás novas xeracións no océano das nosas artes, aprendendo como a contorna natural vive en harmonía grazas á diversidade de especies sen impor discriminacións nin servilismos. Esta festa é froito da liberdade e da igoaldade e non coñece pleitesías nin servilismos, acepta e honra a xenerosidade do pai sol que alumea sobre todas e todos e da herba pequerrechiña que nos acaricia sen facer diferencias. Sen manipulacións Xermolos contaxia coa voz das e dos creadores interpretando as nosas emocións e sentimentos, eles son as autoridades e os pregoeiros do festival xunto coa rapazada recoñecida no Certame Terra Chá pola súa creatividade cada ano, son a imaxe que viste e dá a cara no palco presidindo o encontro no nome das e dos festivaleiros.

Un espazo sempre vizoso que xermola cada ano novas solpresas, así a vindeira fin de semana

En Pardiñas, o deporte tamén é arte

Coma sempre imos participar da súa carreira popular, pero este ano imos deleitarnos coa arte que transmiten o fúbol gaélico e a billarda. O ano pasado cadrando co festival tiña lugar en Irlanda o campionato mundial de fútbol gaélico no que Galiza quedou de terceira, mentres nós escoitabamos a música celta, estreitando vencellos grazas ao xogador Aro, veciño da contorna do festival. Este ano, o sábado, imos ter un espazo aberto para practicalo quen o queira e un partido mixto entre Fillos de Breogán de A Coruña e Os Ártabros de Oleiros, todo no Campo de Fútbol de Parga.

E na liña de celebrar os cumpreanos da inmensa familia do festival, imos festexar os 10 anos da Liga Nacional de Billarda cunha mostra no Festival de Pardiñas.

Todas as músicas

Froito da diversidade do festival non podemos cegar o camiño a ningún estilo de música, así nesta edición imos escoitar clásicos da nosa música tradicional coma Os Viqueiras, Abóbriga e os Melidaos, pero tamén as novas xeracións coma Os Vintenbaio, o violinista Fernando Meireles de Portugal ou os Cüig de Irlanda... Cantautores coma Quique Escamilla de Chiapas-México ou Luís Peixoto de Portugal, percusión a tope co Bloquinho de Xermolos, e a música doutros pobos con Kalakán de Euskal Herría ou Ives Lambert de Canadá..., rock, punk, reggae, ska ou fusion de Sacha na Horta ou SkandaloGZ, e o folq de Davide Salvado e a súa banda...

Pero Pardiñas multiplicase en moitos espazos, sen dúbida, o máis significativo é a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, que foi a primeira en celebrarse en toda a peninsula grazas á Asociación de Gaiteiros Galegos...

E todas as artes

Na Casa das Artes imos disfrutar da pintura de Anxo Lamas e María Guerrero, da fotografía de Manolo Berea e Juan Luís Tomé, da escultura de Ramón Villar, Valdi..., e na hora das e dos nenos do circo de Koté Malabar.

Alfonso Blanco

0.18748688697815