Parga celebra a súa Feira de Nadal os días 20 e 21 de decembro

A localidade de Parga acollerá os días 20 e 21 de decembro unha nova edición da súa Feira de Nadal, que se desenvolverá nos cobertizos da feira en horario de 16:00 a 21:00 horas. A programación inclúe actividades culturais, obradoiros, música e propostas familiares pensadas para dinamizar a vila durante a fin de semana previa ao Nadal.
O sábado 20 de decembro abrirase a feira coa panxoliña interpretada polos nenos e nenas de Parga, ás 16:00 horas. Media hora despois terá lugar a visita da Apalpadora, organizada pola Vicepresidencia da Deputación, a través da Área de Cultura. Xa ás 17:45 horas celebrarase un obradoiro de xoguetes naturais, e ás 19:00 horas a Asociación A Castronela ofrecerá unha recreación da vida castrexa. A xornada rematará ás 20:00 horas cun concerto de Xermolos. Durante a tarde tamén estarán dispoñibles postos de decoración, artesanía, carrusel, churrería e foodtruck, así como liscos e chourizos para pechar o día.
O domingo 21 de decembro continuará a actividade ás 16:00 horas coa actuación da Banda Municipal de Música de Guitiriz. Ás 17:00 horas será a visita de Papá Noel, acompañada dun taller de globoflexia a cargo de Maylanda. Ás 19:15 horas está programado o concerto da CE Orquestra Pantasma, organizado tamén pola Vicepresidencia da Deputación. A feira clausurarase ás 20:45 horas cun tradicional conxuro e celebración da queimada. Ademais, ao longo da tarde repetirase a oferta de postos, artesanía, xogos populares e gastronomía.
Tanto o sábado como o domingo, a feira contará con numerosos postos do colexio e doutros artesáns e comerciantes locais, contribuíndo a crear un ambiente festivo e participativo que converterá Parga nun punto de encontro para veciñanza e visitantes.