Parga contará o venres 13 cunha tarde de Entroido

A parroquia de Parga celebrarase o Entroido cunha festa pensada para todos os públicos que terá lugar o vindeiro 13 de febreiro a partir das 17:30 horas no Bar Comba. Baixo o lema Serán de Entroido, a xornada ofrecerá unha tarde chea de diversión, música e animación para desfrutar en familia, con amizades ou coa veciñanza.
O programa inclúe actividades como xogos, música, disfraces e unha merenda, ademais de troula adaptada a todas as idades, co obxectivo de converter a cita nun punto de encontro interxeracional. Desde a organización anímase especialmente á participación da cativada, lembrando que os nenos e nenas poden acudir disfrazados, aínda que non se recomenda empregar os disfraces do colexio, xa que se utilizarán noutros eventos do Entroido.
A iniciativa está organizada pola Asociación Obradoiro de Soños Santo Estevo de Parga, unha entidade que traballa para impulsar actividades dirixidas á infancia e á comunidade, en colaboración coa ANPA e o colexio sempre que as propostas se desenvolven de maneira conxunta. O evento é aberto a todo o público e busca reforzar o espírito festivo e participativo do Entroido en Parga.