Parga estrea a súa primeira Feira de Nadal da man do colexio e da ANPA

TerraChaXa
Está aberto xa o prazo de inscrición para que artesáns e creadoras poidan participar co seu traballo
feira-de-nadal-de-parga-presentacion
28 Sep 2025

A Asociación de Nais e Pais de Alumnos e o Colexio de Parga puxeron en marcha este ano unha nova iniciativa coa que queren dinamizar a vida social e cultural da localidade: a celebración dunha Feira de Nadal. O evento desenvolverase nas instalacións da Feira de Parga os días 20 e 21 de decembro e, nesta primeira edición, ábrese xa o prazo de inscrición para que artesáns e creadoras poidan participar co seu traballo.

A idea xorde ante a ausencia de propostas semellantes na contorna e co convencemento de que o colexio é “o verdadeiro dinamizador da vida no pobo”. Non en balde, ao longo dos últimos anos a comunidade educativa ten impulsado un amplo abano de actividades: encontros interxeracionais, a celebración do magosto, o 50 aniversario do centro, sesións de teatro ou festivais. Agora, coa Feira de Nadal, queren dar un paso máis e ofrecer á veciñanza unha alternativa cultural e festiva que, ademais, poida consolidarse no tempo.

O horario será de 16:00 a 21:00 horas e a programación inclúe propostas para todos os públicos. Haberá obradoiros, contacontos, xogos para os máis pequenos, postos de artesanía, música en directo e as atraccións máis tradicionais que acompañan sempre estas datas. Non faltará tampouco un dos grandes reclamos da tarde: os churros con chocolate, convertidos xa na estrela da feira.

O propio colexio contará con tres stands propios. Un deles estará dedicado ao Proxecto Documental Integrado (PDI) que este ano xira arredor dos romanos e os castrexos; outro mostrará o traballo realizado no marco do proxecto LOVA, La Ópera Vehículo Aprendizaxe, no que a ópera serviu como vehículo de aprendizaxe; e o terceiro recadará fondos para a excursión de fin de curso do alumnado que remata ciclo.

Dende a organización tamén se mantén contacto coas administracións para solicitar apoio económico e garantir a viabilidade desta cita. O obxectivo final é claro: que a Feira de Nadal de Parga non sexa unha actividade illada, senón que se converta nun evento anual de referencia para a veciñanza e para toda a comarca.

⚙ Configurar cookies
0.09329891204834