Parga festexa o domingo a XXVIII Feira da Cantería, Callos e Artesanía

TerraChaXa
A XXVIII Feira da Cantería, Callos e Artesanía de Parga reunirá a 14 canteiros este domingo e contará cun campionato de andadura
presentacion feira canteria callos artesania parga
13 Xul 2023

Celebrouse na Casa Habanera a presentación do evento, no que a principal novidade é o campionato galego de Andadura federada que se levará a cabo pola tarde.

Este domingo, 16 de xullo, a carballeira de Parga acollerá a XXVIII Feira da Cantería, Callos e Artesanía de Parga, organizada polo Concello de Guitiriz e a Asociación de Veciños do Campo da Feira de Parga.

Hoxe, xoves 13 de xullo, tivo lugar a presentación institucional do evento na que participaron a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, a concelleira de Turismo, Pilar Vázquez, e o deputado de Participación Cidadá da Deputación de Lugo, Iván Castro. Tamén asistiron os representantes da Asociación de Veciños do Campo da Feira de Parga, Daniel Pereira Menéndez e Carlos Pereira Morandeira.

Marisol Morandeira destacou que “unha das principais novidades deste ano é que pola tarde vaise a celebrar unha proba do campionato galego de Andadura federada” e explicou que “incluímola na programación co obxectivo de que a xente que vaia á feira pola mañá poida quedarse tamén pola tarde” xa que a competición comeza ás 16 horas.

“Estamos seguros de que vai ser un éxito”, afirmou a rexedora, que salientou que “nin nós, o Concello, nin as veciñas e veciños de Parga estábamos dispostos a que esta cita se perda”.

Pola súa parte, Iván Castro cualificou á feira como “unha das máis populares e emblemáticas de Galicia” e quixo agradecer “a implicación e o traballo que levan a cabo o Concello e a asociación para que sexa realidade”. “Quero trasladar o compromiso da Deputación de Lugo con esta feira, estaremos sempre aí xa que este tipo de citas supoñen un importante retorno económico, non só para a comarca da Terra Chá se non tamén para a provincia”, indicou.

Actividade desde ben cedo

A programación comezará ás 8:30 horas coa apertura do XXV Certame de Cantería que nesta ocasión reunirá a 14 canteiros e canteiras e no que o primeiro premio está valorado en 500 euros, o segundo de 250 euros e o terceiro de 100 euros. Ás 10 horas terá lugar a apertura da Mostra de Artesanía e a exposición de Galiña Piñeira, da man de AGALPI.

Ás 11 horas comezarán as actuacións musicais, a cargo dos grupos municipais da banda de música, o grupo de gaitas e a UNED Sénior e tamén estará amenizando a xornada a agrupación Na Casa Zoqueiro.

Ás 13:30 horas terá lugar o pregón, que correrá a cargo de Ramón Villar, o canteiro de Pardiñas, e que tamén formará parte do xurado do certame de cantería, que se pechará a esa mesma hora. O fallo do xurado e a entrega de premios terá lugar ás 14 horas.

A partir de media mañá comezará a venda das racións de callos e tamén haberá polvo.

Logo, pola tarde, a partir das 16 horas, celebrarase o campionato galego de Andadura federada 2023, que inclúe: cabalos xovenes, menos de 150 serrada, menos de 150 chapeada, máis de 150 serrada, sub-16 e máis de 150 chapeada.

0.20803999900818