Parga prepárase para celebrar as festas na honra a San Roque

A localidade de Parga celebrará as tradicionais festas na honra a San Roque do 15 ao 18 de agosto de 2025 cun variado programa cheo de música, fogos de artificio e actividades para todas as idades.
O venres 15 comezará a programación cunha festa da xuventude que inclúe chourizos, liscos e pan de balde a partir das 22:00 horas, seguida da actuación da Disco Móbil Sebas 21.
O sábado 16 arrancará ás 11:00 coas alboradas a cargo de Sons da Aldea. Ás 14:00 terá lugar unha sesión de pirotecnia e, a continuación, unha sesión vermú con Dúo Venus. Pola noite, a verbena estará amenizada polo mesmo dúo e por Euphoria Disco Show.
O domingo 17 abrirase tamén con alboradas ás 11:00 e contará coa actuación da Banda Municipal de Guitiriz ás 13:00. Ás 14:15 haberá unha nova sesión de pirotecnia e pola tarde celebrarase a sesión vermú coa orquestra Pontevedra. A verbena da noite contará coas actuacións de Pontevedra e Trébol, e culminará cunha gran sesión de fogos artificiais a medianoite.
O luns 18, último día das festas, haberá pirotecnia ás 14:00 e sesión vermú co trío Arena Musical ás 14:15. Ás 17:00 celebrarase unha gran festa infantil patrocinada polo Concello de Guitiriz, e a partir das 22:00 terá lugar a verbena e fin de festa co trío Arena Musical e o concerto de La Última Legión.
Ademais, anúnciase tamén a Festa de San Estevo os días 26 e 27 de decembro de 2025, con actuacións de Ángel América e Nerea Covas.