Parganonsedivide esixe a repartura do centro de saúde
A asociación veciñal #Parganonsedivide esixe o cumprimento do compromiso de reapertura do Centro Médico de Parga unha vez superado o peor da pandemia.
Dende a asociación #Parganonsedivide solicitan da Xerencia da Área integrada de Lugo- Mariña que, unha vez superado o peor da pandemia da covid-19, se proceda á reapertura total do centro médico de Parga, pechado dende marzo do ano pasado. “Tiñamos o compromiso reiterado tanto da dirección de primaria coma da xerencia de que o consultorio reabriría as súas portas unha vez superada a pandemia. Ese momento xa chegou, non pode haber mais escusas” din dende #Parganonsedivide.
Para a Plataforma veciñal, que a reapertura coincidise co comezo da campaña de vacinación da gripe, prevista para os vindeiros días sería unha fenomenal noticia para as 1700 persoas que teñen cartilla en Parga e dos cales, unha parte fundamental son persoas de idade avanzada, prioritarios na vacina da gripe e que evitarían ter que desprazarse a Guitiriz.
Dende a plataforma lembran que a situación evolucionou moi positivamente nos últimos meses, coa poboación diana practicamente vacinada na súa totalidade, cunha incidencia mínima e coa reapertura practicamente total e volta á normalidade na maioría dos ámbitos, dende o lecer de masas ata a mellora substancial das condicións na hostalería, por poñer dous exemplos. “Non se sostén que dende o Sergas manteñan centros de saúde coma o de Parga pechados mentres nos campos de fútbol poden xuntarse ducias de milleiros de persoas ou o feiral do San Froilán está ateigado de cidadáns desfrutando de novo das súas festas. Recuperar o lecer é moi importante, mais recuperar a atención sanitaria para nós, é vital” inciden dende a plataforma veciñal.
A plataforma veciñal lamenta ademais que dende a dimisión do director de Primaria Rafael Sánchez, non volveron a ter ningunha nova da Xerencia a pesar de ter concertada con el unha reunión para uns días despois da súa dimisión. “Solicitamos por escrito unha nova reunión sen que teñamos resposta. Lamentamos que Parga non figure na axenda da Xerencia, mais agardamos que se impoña o sentido común e que se cumpran os compromisos. De non ser así, algunhas persoas terán que responder diante da cidadanía” advirten.