Parganonsedivide solidarízase cos veciños de Baamonde e Celeiro

TerraChaXa
Parganonsedivide amosou nun comunicado a súa solidariedade e apoio á veciñanza dos pobos de Celeiro e Baamonde na perda de servizos.
9 Mar 2021

Dende a asociación #Parganonsedivide amosaron "a nosa total" solidariedade e apoio á veciñanza dos pobos de Celeiro e Baamonde "que están a sufrir un ataque e desmantelamento dos seus servizos similar ao que se vén producindo na nosa propia vila, e que pon en risco a pervivencia dos nosos pobos".

Nun comunicado deste colectivo, indica que apoian aos pais e nais do colexio de Baamonde que vai ser pechado "polo interese egocentrista dun alcalde que, lonxe de defender os dereitos e os servizos da súa cidadanía, pretende desmantelalos, co apoio covarde dunha Consellería de Educación que nin tan sequera é capaz de defender unha decisión de tal calado e que se parapeta na maioría absoluta do PP en Begonte para apoiala".

Por iso, dende #Parganonsedivide chaman á poboación de Parga e de todo o Concello de Guitiriz a apoiar "aos nosos veciños e veciñas de Pígara que se concentran hoxe 9 ás cinco da tarde diante do Concello de Guitiriz ante a imposibilidade de acudir a Compostela a apoiar aos seus compañeiros do colexio de Baamonde" que farán o propio ás portas do Parlamento de Galiza.

#Parganonsedivide amosou no seu comunicado tamén a súa total solidariedade "fronte á destrución de servizos bancarios que se está a producir en ducias de vilas do País", nomeadamente en Baamonde e Celeiro onde pechan as únicas oficinas bancarias existentes, "o que sume a esas vilas nunha exclusión bancaria e financeira inadmisible" e anima á veciñanza a seguir loitando por tratar de impedir os peches.

Nese sentido, amosa a súa preocupación pola decisión de Abanca de limitar o horario de caixa de 08:30 a 11:00h da mañán en todas as súas oficinas a partir de xuño e solicitará de Abanca unha aclaración de cal será a situación da oficina de Parga que agora abre de 12:15 a 14:15h e pregunta se poderán facer operacións de caixa nese horario, tales coma retirada de efectivo, ingresos, peticións de cambio para os negocios ou o pagamento de recibos.

0.13862586021423