Parroquias de Guitiriz contarán con formacion gratuíta sobre manexo do móbil

TerraChaXa
A actividade desenvolverase en Parga, Os Vilares, Pígara, Pedrafita e Mariz dentro do programa 'E para dixitalizarse Lugo'
curso-parroquias-mobil-guitiriz
26 Sep 2025

Varias parroquias do Concello de Guitiriz acollerán unha formación completamente gratuíta sobre o manexo do teléfono móbil. Trátase dunha actividade que forma parte do proxecto ‘E para dixitalizarse Lugo’ da Deputación de Lugo.

A iniciativa, baixo o título O teléfono móbil, primeiros pasos, ten como obxectivo achegar esta ferramenta tecnolóxica á veciñanza. Durante as sesións, as persoas participantes poderán adquirir habilidades básicas, coñecer as funcións principais do dispositivo, aprender o uso de aplicacións esenciais e gañar confianza e seguridade no seu manexo.

A actividade desenvolverase en cinco parroquias do concello, con varias datas programadas en cada unha delas, tendo unha duración total de 20 horas.

Na parroquia dos Vilares, as sesións impartiranse os días 6, 8, 13, 15, 20, 22, 27 e 29 de outubro e o 3 e 5 de novembro, en horario de 11:00 a 13:00 horas, na Escola da Conchada.
En Parga terá lugar os días 7, 9, 14, 17, 21, 24, 28 e 30 de outubro e o 4 e 7 de novembro, tamén de 11:00 a 13:00 horas, na Escola das Nenas.

Na parroquia de Pígara, a formación celebrarase os días 10, 12, 17, 19, 24 e 26 de novembro, así como o 1, 3, 10 e 15 de decembro, en horario de 11:00 a 13:00 horas, na Escola de Pígara.

En Pedrafita, as sesións terán lugar os días 11, 13, 18, 20, 25 e 27 de novembro, e o 2, 4, 9 e 11 de decembro, de 11:00 a 13:00 horas, na Escola de Pedrafita.

Por último, en Mariz, as datas programadas son o 7, 12, 14, 19, 21, 26 e 28 de xaneiro, así como o 2, 4 e 9 de febreiro, en horario de 11:00 a 13:00 horas, na Escola de Mariz.

As persoas interesadas poden inscribirse ata o 30 de setembro na Escola Habanera ou a través do teléfono 982 37 00 62, onde tamén se poderá solicitar máis información sobre a actividade.

Toda a información relativa ao proxecto está dispoñible na ligazón: https://yparadigitalizarselugo.com/.

⚙ Configurar cookies
0.090574979782104