Pastoriza abrirá en maio a súa área de autocaravanas con 45 prazas

TerraChaXa
Organizarase unha xornada festiva que incluirá unha foliada e cantos de taberna, promovidos pola asociación de empresarios Asapa e pola asociación cultural e deportiva Miño Vivo
Imaxe da área para autocaravanas en Miño
4 Apr 2026

O Concello de Pastoriza abrirá o 16 de maio a nova área de autocaravanas, un espazo duns 3.000 metros cadrados situado nas proximidades do circuíto de kárting e que contará cun total de 45 prazas. A actuación foi acondicionada cun investimento procedente do plan da Deputación, que rolda os 69.000 euros.

A posta en marcha deste servizo ten como obxectivo impulsar o turismo no municipio, ao tempo que se reforza a oferta de lecer. Coincidindo coa inauguración, organizarase unha xornada festiva que incluirá unha foliada e cantos de taberna, promovidos pola asociación de empresarios Asapa e pola asociación cultural e deportiva Miño Vivo. Será a partir das 19.00 horas nunha sesión na que están invitados a participar todos os que o desexen. Os interesados poden inscribirse ata o 10 de maio nos teléfonos 609 053 213 ou 625 065 197.

Representantes destas entidades mantiveron recentemente unha reunión co alcalde, Marcos García Lombardero, para coordinar as distintas actividades sociais, culturais e deportivas que se desenvolverán nos próximos meses. Desde o goberno local subliñan a importancia de reforzar a colaboración co tecido asociativo para dinamizar a vida social e ofrecer propostas dirixidas a veciños e veciñas de todas as idades.

Entre as primeiras iniciativas previstas figura a celebración dun campionato de tute o sábado 21 no local social da antiga ladrilleira. Ademais, nos días 25 e 26 de abril organizarase un torneo mixto de pádel. Xa no mes de maio, xunto aos actos de inauguración da área de autocaravanas, está programada a Festa do Neno, unha xornada centrada nos máis pequenos con xogos, actividades lúdicas e animación.

De cara ao verán, as propostas deportivas continuarán con novas citas impulsadas polas asociacións organizadoras. En xuño celebrarase a cuarta edición do torneo de pádel, mentres que en xullo está prevista unha andaina popular e unha carreira, iniciativas que combinarán deporte, hábitos saudables e a posta en valor do contorno natural do municipio.

0.11672496795654