Pastoriza aprobou os orzamentos pola falta de dous edís do PSOE

O goberno municipal de Pastoriza aprobou os orzamentos correspondentes ao exercicio 2026 nun pleno no que as contas saíron adiante co respaldo do equipo de goberno, a pesar do voto en contra da oposición.
O documento económico ascende a 4.058.377 euros, unha cifra superior á do ano anterior, que se situara en 3.860.000 euros. O executivo local destacou que este incremento permitiu reforzar diferentes áreas clave do municipio, tanto en servizos como en investimentos.
Entre as partidas máis relevantes figuran os 950.000 euros destinados ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), así como 784.000 euros para persoal. No apartado de infraestruturas, consignáronse 500.000 euros para a piscina municipal e 217.000 euros para a mellora de vías e camiños. Ademais, incluíronse 190.000 euros para a pista de karts, unha das actuacións máis destacadas dentro do capítulo de investimentos.
Desde o goberno local puxeron en valor a aprobación dunhas contas que consideran fundamentais para garantir o funcionamento dos servizos municipais e avanzar en proxectos estratéxicos para o desenvolvemento da Pastoriza. Pola súa banda, a oposición mostrou o seu desacordo con algunhas das partidas, cuestionando o impacto dalgunhas actuacións previstas.
O voto negativo dos socialistas
Pola súa banda, o PSdeG, a través do seu voceiro, Constantino Fernández Leira, reafirmou o seu voto en contra dos orzamentos municipais e subliñou que a súa posición é “clara e coherente fronte a un modelo de xestión co que non estamos de acordo”. “Votamos en contra dos orzamentos do PP porque non responden ás necesidades da veciñanza nin ao modelo de concello que defendemos para Pastoriza”.
O Grupo Municipal socialista insistiu en que a ausencia de dous dos seus concelleiros no Pleno responde “única e exclusivamente a causas de forza maior”, derivadas de problemas de saúde, rexeitando calquera intento de xerar dúbidas sobre o seu compromiso. “Non imos aceptar insinuacións interesadas cando falamos de situacións persoais que impediron a súa presenza”, engadiu Fernández.
Fronte ás críticas dos nacionalistas, o PSdeG considera que “o que a veciñanza merece saber é quen está permitindo que o PP siga gobernando e aprobando os seus orzamentos ano tras ano, que é o BNG”. “Se en Pastoriza hai un alcalde do PP e se aproban os seus orzamentos dende hai tres anos é única e exclusivamente responsabilidade do Grupo Municipal do BNG, que se negou dende o primeiro día a cumprir o pactado no seu día polo seu partido a nivel Galicia”, afirmou Fernández Leira.
Fernández Leira fai un chamamento ao BNG para que rectifique a súa postura e cumpra cos compromisos adquiridos e pase “das palabras aos feitos”. “Se non queren que siga gobernando o alcalde do PP nin que continúen sacando adiante os seus orzamentos, teñen moi fácil cambiar esta situación”, apuntou.
O Grupo Municipal socialista foi contundente ao reiterar a súa disposición a impulsar unha moción de censura inmediata. “Mañá mesmo podemos presentar unha moción de censura entre ambas forzas para conformar un goberno de progreso e que a alcaldía recaia en quen lle corresponde segundo os acordos asinados, que é o candidato socialista”, concluíu Fernández Leira.