Pastoriza conmemorará o 8M cun roteiro teatralizado polas rúas do municipio

Pastoriza acollerá este ano unha proposta innovadora para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Por primeira vez organizarase un Roteiro Teatralizado, unha iniciativa que combina memoria, arte e reflexión para poñer no centro as voces, as historias e as experiencias das mulleres.
A actividade estará a cargo da Agrupación Teatral Xa-Tá e convidará ás persoas participantes a percorrer distintos espazos coñecidos da localidade desde unha nova perspectiva, escoitando e reivindicando o papel fundamental das mulleres na sociedade. A proposta non busca só lembrar, senón tamén provocar emoción, reflexión e diálogo arredor da igualdade.
Este roteiro preséntase así como unha maneira diferente de conmemorar o Día da Muller en Pastoriza, apostando pola cultura como ferramenta de sensibilización e transformación social. A iniciativa pretende converterse nunha experiencia colectiva que anime á veciñanza a reflexionar sobre a importancia de escoitar e visibilizar as voces das mulleres.
Con esta actividade, a Asociación de Mulleres Rurais de Pastoriza reafirma o seu compromiso coa igualdade, abrindo novos espazos para a participación e a reflexión nunha xornada tan significativa.
O percorrido partirá ás 12.00 horas desde diante da Casa do Concello.