Pastoriza licita obras en accesos e vías por máis de 203.000 euros
O Concello da Pastoriza ten en licitación dous proxectos de obra que corresponden coa pavimentación de diferentes vías e accesos no rural.
Así, aberto todavía na presentación de propostas está o proxecto de Pavimentación e accesos aos núcleos de Bretoña, Seselle, A Castiñeira, Aveal, San Cosme, Postela, As Fontes e Marquide.
A actuación proxectada consiste na pavimentación de nove viarios que presentan un mal estado de conservación debido á súa antigüidade, o uso e as inclemencias meteorolóxicas sufridas co paso do tempo, polo que urxe proceder á súa rehabilitación. Estas rexeneracións realizaranse nun total de 5.943 metros.
Este proxecto ten un orzamento de 135.000 euros e un prazo de execución de tres meses, ademais dun prazo de garantía dun ano. Estas obras están ao cargo do Plan Único da Deputación provincial e as ofertas das empresas poderán presentarse ata o 11 de agosto.
Xa pechou tamén o prazo de recepción de ofertas para a obra de Mantemento e mellora de camiños en As Fontes e Fitoiro. Este proxecto ten por obxecto proceder ao mantemento e mellora de dous camiños municipais dentro do viario municipal do Concello. Estes camiños atópanse moi deteriorados debido á súa antigüidade, uso e inclemencias meteorolóxicas sufridas co paso do tempo, polo que urxe proceder á súa rehabilitación.
As obras tamén teñen un prazo de execución de tres meses e a garantía dun ano pero o orzamento é de 68.311,76 euros.
O financiamento deste proxecto corresponderá ao Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022, financiado con cargo aos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.