Pastoriza mellorará a rede municipal de auga no depósito de Coruxeiras

O Concello de Pastoriza vén de adxudicar a obra de mellora da rede municipal de abastecemento de auga no depósito de Coruxeiras, así como a actuación destinada á dixitalización de infraestruturas na parroquia de Samartiño de Corbelle. O investimento total desta actuación ascende a preto de 44.000 euros e ten como obxectivo optimizar o funcionamento do sistema de subministración de auga, mellorando a súa eficiencia e control.
Os traballos contan cun prazo de execución de cinco meses e permitirán modernizar as instalacións existentes, garantindo unha xestión máis eficaz dos recursos hídricos e unha mellor prestación do servizo á veciñanza. Esta actuación forma parte das medidas impulsadas polo Concello para a actualización das infraestruturas básicas do municipio.
A obra está financiada pola Xunta de Galicia, no marco do seu apoio aos concellos para a mellora dos servizos públicos e a modernización das redes de abastecemento, contribuíndo así a unha xestión máis sostible e eficiente da auga.