Pastoriza proxecta a remodelación do circuíto e da zona de paddock, ademais dunha cafetería nova

TerraChaXa
En funcionamento dende 2003, mantén unha elevada actividade e goza dunha boa aceptación entre pilotos e usuarios
circuito-a-pastoriza
10 Feb 2026

O Concello de Pastoriza ten en marcha un proxecto de grande envergadura para renovar por completo o circuíto de kárting municipal, unha das instalacións máis representativas do municipio, cun investimento que supera os 782.000 euros. A actuación busca dar resposta ao avanzado estado de desgaste da pista e aproveitar a intervención para actualizar o recinto, mellorar a seguridade e ampliar os servizos dispoñibles.

O estudo de viabilidade xa está rematado e o Concello atópase agora na fase de redacción dos pregos. O proxecto conta tamén coa colaboración do monte veciñal, que cedeu o uso dunha parcela de 14.000 metros cadrados necesaria para acometer as modificacións previstas. Entre os cambios máis destacados figura a reordenación dos espazos interiores, coa construción dun novo paddock paralelo á recta principal, dotado duns 25 boxes, e a creación doutro paddock exterior contiguo, onde se situará o edificio da cafetería.

A dirección de carreira trasladarase á recta de meta, xunto ao paddock principal, mentres que o espazo que ocupa actualmente pasará a destinarse a un minicircuíto. Ademais, está prevista a habilitación dunha zona específica para a práctica de trial con vehículos todoterreo. A propia pista será obxecto dunha reforma integral, con modificacións no trazado en varios puntos para reforzar a seguridade nun circuíto que supera o quilómetro de lonxitude. A previsión municipal é que as obras estean concluídas antes de que remate o ano.

O circuíto, en funcionamento dende 2003, mantén unha elevada actividade e goza dunha boa aceptación entre pilotos e usuarios, grazas á súa localización e ás condicións do trazado. Precisamente por ese uso continuo, sinala, faise imprescindible unha reforma a fondo que permita garantir o seu futuro. Para levala a cabo, o Concello optou ás axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, logrando unha subvención de 391.155,96 euros, que cobre aproximadamente a metade do orzamento total.

Para completar o financiamento, o goberno local prevé recorrer a un suplemento de crédito para asumir unha parte do importe restante, unha operación que deberá ser aprobada en pleno e que precisará o respaldo da oposición. O resto da achega económica corresponderá á empresa que resulte adxudicataria da xestión da pista, tal e como se recolle nos pregos do novo concurso, que contempla unha concesión por doce anos. De maneira paralela, tamén sairá a licitación a explotación da cafetería que se proxecta construír no recinto, cun investimento estimado de 80.000 euros a cargo do concesionario. Como medida compensatoria, o Concello baralla a exención do canon mensual durante os dous primeiros anos tanto para a pista como para a cafetería.

Na actualidade, o circuíto, xestionado por PTC, mantén actividade ao longo de todo o ano, combinando accións formativas, como cursos de condución, con probas de competición de kárting, motos e minimotos. Ademais, ao longo dos anos converteuse nun espazo polivalente que acolle presentacións de vehículos, eventos solidarios, probas deportivas escolares e citas festivas que forman parte da vida social de Pastoriza.

⚙ Configurar cookies
0.080343961715698