Patricia Otero reclama no Parlamento que a Xunta acondicione a nave de redes de Burela

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Secretaria Provincial Socialista e Deputada Autonómica, Patricia Otero reclama no Parlamento de Galicia, a través dunha batería de iniciativas, que a Xunta de Galicia antes de que remate o primeiro semestre de 2020, realice a obra de acondicionamento e reparación da nave de redes no peirao norte do Porto de Burela.
7 Dec 2019

A Secretaria Provincial Socialista e Deputada Autonómica, Patricia Otero reclama no Parlamento de Galicia, a través dunha batería de iniciativas, que a Xunta de Galicia antes de que remate o primeiro semestre de 2020, realice a obra de acondicionamento e reparación da nave de redes no peirao norte do Porto de Burela. “Non valen máis enganos sobre as obras nesta infraestrutura, demandamos ao Goberno de Feijóo que execute os 237.826 euros orzamentados para mellorar esta dotación”, dixo.

Otero explica que “en decembro de 2008 inaugurábase unha obra moi demandada polos profesionais do sector pesqueiro de Burela e a propia confraría de pescadores, como foi  a nave de redes no porto de Burela. Nave de redes que garantiu un lugar seguro e con mellores condicións para as traballadoras, ademais de servir, entre outros usos, como sede permanente da Feira monográfica náutico-pesqueira Expomar”.

A Deputada advirte que “desde hai uns anos o sector pesqueiro e a confraría de pescadores están a demandar obras de mellora nesta nave de redes de Burela, xa que entre outros problemas a instalación presenta humidades, ten goteiras cando chove, baños que en moitas ocasións están inutilizables”.

A Voceira de Pesca lembra que “nos orzamentos de Portos de Galicia para 2019 consignábase unha partida de 200.000 euros para estas mesmas obras de acondicionamento. Ademais, o propio delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo anunciou a principios de marzo deste ano que xa estaba rematado o proxecto técnico para a remodelación desta nave, que nese momento se atopaba en supervisión, e que a obra se licitaría  ao longo deste ano”.

Así as cousas “o único que podemos constatar a día de hoxe, en pleno mes de decembro de 2019, e que esta obra tan demanda polo sector pesqueiro segue sen estar licitada, e volve a aparecer no papel, é dicir, no Proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para 2020”.

Que prazos manexa a Xunta?

Por todo isto Patricia Otero quere coñecer tamén “que prazos manexa a Xunta de Galicia para realizar a obra de acondicionamento e reparación da nave de redes no peirao norte do Porto de Burela?. Si é que conta con algún prazo, porqué como podemos comprobar o papel dos orzamentos aguántano todo, pero as veciñas e veciños da Mariña e de Burela non lles vale a mentira e o engano do PP para dotar a nave de redes con mellores servizos ”, resumiu.

0.092456817626953