Patrimonio dos Ancares localiza dúas mámoas no Concello de Xermade
O Colectivo Patrimonio dos Ancares vén de comunicar á Xunta de Galicia a localización de dúas interesantes mámoas no concello de Xermade.
Os restos foron localizados por Manuel Ruibal e Ramiro J. Freire no monte coñecido como Egualonga, a 570 metros de altitude, non moi lonxe da aldea de Gandia, na parroquia de Lousada. Teñen unhas medidas de 21 e 22 metros de diámetro e unha altura que ronda os dous metros.
A súa descuberta foi posible grazas a unha tala de piñeiros plantados hai uns cincuenta anos que impedían que resultaran visibles. A carón destes enterramentos chaman a atención unhas enormes laxas de pedra planas que cren que formaban parte da cuberta da cámara funeraria (dolmen) situadas debaixo das mámoas.
Segundo explica o colectivo, "a gran maioría das mámoas do concello de Xermade sufriron actuacións furtivas para buscar tesouros dende hai séculos, tal como nolo testemuña o preito iniciado contra numerosos campesiños no ano 1609 polo crego e fidalgo do couto de Recimil de Parga Vázquez de Orxas, que era quen posuía o permiso outorgado polo rei Carlos III, iso si, a cambio de que a coroa recibira unha parte. Tesouros poucos deberon atopar, pero a desfeita foi letal".
Ata o presente, con estes dous novos achados, en Xermade hai localizadas 169 mámoas o que o converte nun dos concellos con maior número de enterramentos do período Neolítico, cunha unha antigüidade que ronda os 6.000 anos.