Paula, de Chainzos-Cadaval, supera á invencible "billardeira musical" Geni na LNB Norleste

TerraChaXa
Os fornos da Pontenova semellaban estar acesos ceibando garimosos e quentes aloumiños o sábado 14 de outubro cando a multicolor serpe da LNB, contaxiada pola pesarenta quentura do ar, reptaba paseniñamente cara as pistas de xogo.
Xornada da LNB na Pontenova.
16 Oct 2017

Os fornos da Pontenova semellaban estar acesos ceibando garimosos e quentes aloumiños o sábado 14 de outubro cando a multicolor serpe da LNB, contaxiada pola pesarenta quentura do ar, reptaba paseniñamente cara as pistas de xogo.

Coincidindo coas eliminatorias de bolos, excursións, etc. botouse en falta un bo número de palanadores habituais, aínda que contou con caras novas. Todos deron o mellor de sí ata acadar un bo feixe de puntos quedando moi parella a loita dos equipos punteiros.

Os campións “Billardeiros Musicais” terman, botando man de todo seu carraxe e xogo, do acoso cada volta máis persistente dos equipos que loitan por chimpalos do primeiro posto. Nembargantes foron os dominadores da xornada superando a Carabullo por 3 puntos e a Chainzos-Cadaval e Troitas Bravas por 6 puntos.

A nivel individual, ocorre outro tanto, xa non vale facer moitos puntos, compre non errar e facer pleno ou achegarse moito ao pleno para aspirar a gañar o aberto. Se na xornada anterior, o gañador fixo 24 (de 25 posibles), nesta xornada eses mesmos 24 puntos so deron acceso ao segundo posto que foi para Markytos de “Billardeiros Musicais” e tendo que recurrir ao desempate con dous palanadores, Cortón de ”Chainzos-Cadaval” e Charli de “Carabullo” con 23 puntos, que se disputaron un terceiro caixón, que ao remate foi para Cortón. E o campión da xornada foi un atinado Santi de “Carabullo” que acadou os 25 puntos para levarse a navalla do “VII Aberto do Ferro”.

Varados non houbo, aínda que as billardas superaron o varal, sairon por fora a rentes del.

En donas, Paula de “Chainzos-Cadaval” está a ser un pesarelo para a ata agora invencible “Billardeira Musical” Geni, á que supera novamente ameazando con relevala no seu prolongado reinado. Terceira foi Bea de “Troitas Bravas”.

En infantís, brillou con luz propia José María de “Billardeiros Musicais” seguido de Manu Caldeiro de “Remourelle Bulls” e de Uxía de “Troitas Bravas”.

Os primeiros nas tres categorías (equipos, absoluta e donas) foron agasallados con cadansua navalla do afamado artesán “Xose Rodil” para os segundos (absoluta e donas), un cestiño de castañas e para os terceiros igual, pero neste caso de noces.

A vindeira xornada do sábado 21 non se xogará en Vián; senón que será no campo de fútbol de Bretoña e, se chove, no pavillón que está ao seu carón.

Clasificación
Individual:
Sachas (Troitas Bravas): 46 puntos.
Santi (Carabullo): 45 puntos.
Markytos (Billardeiros Musicais): 43 puntos.
Charli (Carabullo): 42 puntos.
Daniel e Manu Pozo (Billardeiros Musicais): 40 puntos.

Donas:
Paula (Chainzos-Cadaval): 33 puntos.
Geni (Billardeiros Musicais): 27 puntos.
Lorena (Chainzos-Cadaval): 16 puntos.

Equipos:
Billardeiros Musicais de Ribadeo: 162 puntos.
Carabullo de Ponte de Outeiro: 151 puntos.
Troitas Bravas da Pontenova: 150 puntos.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17182588577271