Paula Prado e José Manuel Balseiro arroupan o proxecto de Antonio Riveira en Xermade
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o coordinador xeral do PP lucense, José Manuel Balseiro, arrouparon ao candidato do PP de Xermade á alcaldía Antonio Riveira nun acto de campaña, onde amosaron o apoio ao seu proxecto político do que, o popular asegura, “ten como obxectivo o benestar e a calidade de vida da veciñanza”.
Durante o encontro, Riveira expuxo a súa preocupación en relación á perda de poboación de municipio nos últimos anos e apostou por promover o asentamento poboacional a través da atención aos maiores -aumentando o orzamento para servizos sociais e as horas para atender a todos os veciños que o precisen-, a rehabilitación de vivenda, potenciando o polígono e promovendo a ampliación preto da AG-64.Outra das medidas en materia social é promover a creación de “casas do maior”, uns centros que cumprirían unha función similar ás residencias xeriátricas; e “máis casas niño”.
Ademais, propón unha mellora das infraestruturas viarias e as redes de abastecemento e saneamento, achegar a conexión de fibra óptica a todas as parroquias do concello, a dinamización do emprego e actividade económica a través da creación dun Plan municipal de apoio ao emprendemento e formación a empresas e autónomos. Ademais, Riveira ve necesaria a regulación de taxas e impostos para “non cargar máis impostos ao rural” e axudar ás asociacións veciñais a fomentar actividades de interese público”.
Balseiro expuxo durante a súa intervención que “o Concello de Xermade leva oito anos paralizado” e, polo tanto, cre que “volva contar cun goberno do PP, con capacidade de xestión, que favoreza o seu empuxe e crecemento”.